Concienciación

É curioso que malas prácticas como a de aparcar en dobre fila, que non se vían ata o momento como incívicas e que simplemente estaban normalizadas e incluso xustificadas polo ritmo de vida ao que estamos sometidos, cambien. Non digo con isto que de súpeto estea subsanado o problema de estacionar o coche á caída, pero si que tras varios días coa campaña de vixilancia en marcha, nótase que hai pequenos xestos positivos nas condutoras e condutores. Quen máis ou quen menos cruzouse estes días cunha patrulla pola rúa tratando de concienciar á veciñanza, de facerlle ver que pouco favor lle están facendo o resto deixando o coche enriba da beirarrúa ou taponando o paso de peoas e peóns. Esta información está entrando. Cala na poboación. As redes sociais atéiganse de fotos de persoas que queren colaborar en atallar unha eiva que nos persegue e que se pode remediar reeducando. É como cando se empezou a prohibir fumar nos bares ou nos hospitais. A que a ninguén se lle ocorre agora acender un pitillo no tren? Ás veces non é cuestión de amolar o do lado, senón que se trata de modificar comportamentos que se adquiren de forma automática. Reprodúcense porque levamos toda a vida obrando así sen pensar no que facemos. E proba de que a xente vai entrando polo aro é que o outro día comprobei en persoa que na rúa Juan Flórez desapareceran os infractores. No meu camiño a casa puiden ver nada máis que a un coche invadindo un dos tres carrís e para iso foi unha parada rápida. 

Ata o de agora, A Coruña gozaba de certa impunidade no caso da dobre fila. Non é que a xente parase un momento, non, é que estacionaban e marchaban. É máis, hai zonas como a dos Novos Xulgados nas que se fai unha segunda fila de coches perfecta, tanto que non queda nin un espazo libre. Son accións insolidarias que afectan os que si respectan a lei ou os repartidores de mercadoría que se atopan habitualmente con que non teñen onde estacionar. Por iso, no sucesivo trataremos tamén de ampliar a zona de carga e descarga e buscar outras fórmulas que os favorezan. Ademais, as cámaras serán un punto de apoio para penalizar aos que, despois dunha iniciativa que comezou coa concienciación, a información e o aviso, non sexan consecuentes e sigan sendo imprudentes. Non podemos ser permisivos. Esta decisión non vén acompañada dun afán recadatorio. O que menos nos interesan son as multas e si o cambio para acadar unha convivencia mellor e na medida do posible evitar este tipo de feitos. Buscamos aumentar a seguridade dos viandantes porque moitos dos estacionamentos irregulares se realizan en esquinas ou invadindo as beirarrúas, o que obriga a que a veciñanza camiñe polo asfalto. Xéranse situacións de risco. Pero para obter resultados, non podemos coller  e sancionar sen máis. Precísase tempo. De insistir e reeducar para que xa non sexa tan habitual premer a bucina insistentemente porque resulta que temos un coche diante, aparcado porque o seu dono está co vermú no bar.

Concienciación

Te puede interesar