Esta semana acabamos de presentar os primeiros pasos dunha mesa polo ocio xuvenil e saudable, que vai da man da declaración de Méndez Núñez como zona de especial protección, distinción que implicará un control máis directo nos xardíns sobre a xente que queda en grupos para beber alcol, sobre todo, de cara a conseguir que sexa un BIC. Son consciente do difícil que é erradicar o botellón; de feito, xa hai unha ordenanza que o prohibe e non é suficiente, pero desde o Goberno local temos a responsabilidade de actuar e actuaremos, seguindo as premisas que estamos levando a cabo noutros temas como é o caso da segunda fila. Non iremos co talonario de multas nestas primeiras fins de semana. Agora toca informar e concienciar. Durante estes meses, trataremos de lles dar alternativas de ocio afastadas da inxestión de bebidas alcólicas.
Adaptaremos o programa Nocturnia a aquilo que a mocidade demande e daremos saída a distintas opcións nunha mesa na que estaremos todas as forzas políticas e as concellerías con peso na materia. Tamén acudirán representantes dos sectores afectados e a propia xuventude, porque é unha obriga escoitar as mozas e mozos e saber das súas necesidades. A multa será o último recurso dun proceso que copiará un modelo islandés que xa tivo réplicas con éxito en cidades como Tarragona. O groso do programa non ten que ver con castigos económicos, que tamén os hai caso de que se faga caso omiso ao anterior, pero céntrase máis na información e na formación. Por iso, iremos aos institutos onde está o perfil que máis se axusta á práctica do botellón. É unha cuestión que nos preocupa. Ogallá tivera a fórmula máxica para acabar con el, mais non é así. E o noso traballo pasa por educar na medida do posible unha poboación que está medrando en valores.
Somos sabedores tamén de que un maior control en Méndez Núñez poderá trasladar o botellón a outras zonas, pero iremos a eses novos puntos. En ningún caso botaremos o problema fóra, non o levaremos a unha especie de botellódromo ou algo así porque iso sería pasarmos nas puntas dos pés e non nos enfrontarmos a unha situación que está a pagar todo o patrimonio verde e de pedra que gardan os xardíns.
A loita é en favor da saúde pública da nosa mocidade, do respecto ao medio e ao espazo público e polo dereito que ten a veciñanza ao descanso. Así que vixiaremos os novos redutos se a práctica se espallar. É a nosa responsabilidade e a de todas e todos xa que creo que é fundamental que a implicación veña tamén por parte das nais e dos pais. Se na casa aproban esta conduta, pouco poderemos facer como goberno. Necesitamos que as familias conciencien para construírmos unhas xeracións futuras saudables e divertidas porque penso que estas dúas calidades poden ir da man.