recordo un dos agasallos que me fixeron cando era pequena: un caleidoscopio. Ese tubo con anacos de cristais de cores que ao mirar por un dos extremos podes ver combinacións simétricas que cambian ao virar o tubo.
Non recordo si alguén me explicou como se producía ese efecto pero si comprendín que as cousas podían ser interpretadas segundo a nosa mirada, é dicir, que case nunca existe unha única lectura do que nos rodea.
Fai uns días tomou posesión do seu cargo a nova presidenta do Consello da Cultura Galega, a catedrática Rosario Álvarez, a primeira muller á fronte desta institución. Ademais na súa nova executiva a presidenta incorpora a outras dúas mulleres. Unha delas boa amiga.
A miña primeira reacción foi, como non, positiva. O meu primeiro pensamento foi que a mensaxe de abrir as portas á dirección feminina entra por todas as fendas. Qué ben! O mundo da cultura sempre contou con creadoras, pero cando tentou incorporalas aos cargos de dirección sempre houbo nomes masculinos que pesaban máis ou que se atopaban mellor situados. Cousas da vida…
Logo comecei a virar o caleidoscopio. O Consello da Cultura Galega creouse en 1983. É un órgano estatutario da Comunidade Autónoma de Galicia, é dicir que a súa creación está recollida no Estatuto. O seu obxectivo é a promoción dos valores culturais do pobo galego. Unha institución importante, tanto porque a súa personalidade está recollida no marco xurídico da Comunidade, como pola súa misión e a súa composición. No seu pleno están representadas as máximas institucións culturais: universidades, fundacións, centros de investigación, ademais de diversas personalidades de todos os ámbitos culturais.
En 35 anos tivo cinco presidentes, todos varóns, homes de gran prestixio e valía, sen dúbida: Ramón Piñeiro, Xosé Filgueira Valverde, Carlos Casares, Alfonso Zulueta e Ramón Villares.
Por qué en 35 anos nunca foi presidido por unha muller?
Por qué no mundo da cultura, no universo da reflexión, dos valores humanistas por excelencia, do libre pensamento, da liberdade artística, non se contou con ningunha muller para presidir este organismo?
Como é posible que precisamente no sector cultural sempre identificado co progreso, cos valores da igualdade e a tolerancia tiveramos que esperar tanto tempo?
O meu caleidoscopio vira e ensíname un xogo simétrico de cores e brillos, o importante é que o cambio chegou. Logo volve virar e ofréceme un lado máis escuro. Non era sen tempo...