“As descalificacións do PP ao BNG evidencian que non ten modelo de xestión para a cidade”

“As descalificacións do PP ao BNG evidencian  que non ten modelo de xestión para a cidade”

As eleccións municipais do pasado 22 de maio marcaron o inicio dunha nova etapa para Xosé Manuel Carril. O 11 de xuño, o profesor universitario tomaba posesión do seu cargo como concelleiro do BNG e portavoz do grupo municipal nacionalista en Maria Pita, unha formación que, tras catro anos no gobierno local, retomaba o camiño da oposición. Sete meses despois, pensa que a chegada do PP á alcaldía só serveu para dar paso a unha época na que o Concello non toma ningunha decisión sen consultalo antes con Santiago.

—Xa van sete meses de goberno do PP, como valora o seu papel ao fronte da alcaldía?

—Nós sempre dixemos que a chegada do PP ao Concello ía supoñer empezar a aplicar o modelo de xestión dos populares na Xunta. É algo que estamos evidenciando, porque así se puxo de manifesto cos distintos modificativos de crédito e cos propios orzamentos, nos que se segue esa liña de recortes. Se a eso lle engadimos O Parrote, onde o Concello vai poñer unha gran cantidade de cartos para realizar unha actuación nun terreo que non é de titularidade municipal, ou o que aconteceu con Millán Astray, pois o PP suspende por méritos propios.

\“En temas urbanísticos, non só no párking do Parrote, calquer cidadán pode acudir aos tribunais\”

—Coincide nas críticas dos seus compañeiros da oposición que acusan ao alcalde, Carlos Negreira, de non ter modelo de cidade?

—É certo que durante a campaña electoral o PP estivo inundándonos de cales ían a ser as súas grandes actuacións, os famosos \“power points\”, e co paso do tempo vemos que iso non se está executando. A proba evidente tivémola nos orzamentos municipais, onde non comprometeu ninguna actuación das prometidas. Estamos evidenciando como o PP non ten un proxecto para cidade, e o único que está a facer é xestionar o que lle din determinados grupos de poder, como poden ser as promotoras, ou calar coas decisións da Xunta.

—Ao marxe dos \“power points\” tamén prometeu outra relación coa oposición se chegaba ao poder. Estáo a cumprir?

—Houbo un cambio na relación, pero un cambio a peor. Os grupos municipais teñen menos medios para levar a cabo a súas funcións, e foron excluidos, a pesar de que o PP prometera, dos consellos de administración das empresas municipais. E xa por último, claro que hai outra relación, pero a peor, no sentido de que cada vez que facemos unha pregunta no pleno, no noso lexítimo exercicio do deber como concelleiros e como representantes da cidadanía, en vez de recibir respostas ás preguntas, o único que recibimos son descalificacións, ou tratamento que non nos merecemos.

—Pesa moito o feito de que o BNG formase parte do goberno durante os últimos catro anos?

—Nós sempre poñemos de manifesto que a chegado do BNG ao Concello supuxo un punto de inflexión en moitas cousas. Todo o que tivo que ver coa rexeneración da cultura, coa igualdade ou coa rexeneración urbana. Ou incluso tamen en todo o que tiñaque ver coa promoción económica. Moitas desas actuacións están sendo elimnadas progresivamente por parte do grupo do goberno.

\“Os populares o único que están a facer no Concello é calar coas decisión da Xunta\”

—O PP fai referencia en numerosas ocasións ao feito polo bipartito a hora de enfrentarse tanto as súas críticas...

—Teñen todo o dereito do mundo a dicir ese tipo de cousas, pero estamos vendo que as descalificacións do PP ao BNG evidencian que non teñen ningún modelo de xestión para a cidade. O normal sería que ante esa crítica, os populares propuxesen unha alternativa e non fan. O único que se limitan é a dicir o mal que o fixo o goberno anterior, pero para ocultar o seu modelo nefasto de xestión. Tamen é certo que cada día que pasa son menos cribles os seus comentarios.

—Que lle parece que o Concello chegase so lograse chegar a acordos con Esquerda Unida?

—Nós sempre respetamos a soberanía de outras forzas políticas, e non nos metemos a valorar a súa actuación. Por exemplo, no caso das ordenanzas fiscais, nós tiñamos presentado toda unha serie de alegacións, e nin tivemos a oportunidade de poder tratalas. Esquerda Unida, sen desmerecer o seu traballo, si tivo a oportunidade de presentar esas alegacións e de que foran tidas en conta, pero no medio, implicou un voto a favor dunhas ordenanzas fiscais e de prezos públicos que incluen o cobro polos matrimonios civís no Concello ou o copago social.

—Diría que o PP xoga co feito de que César Santiso non estaba na etapa anterior?

—O Concello nese xogo de que todos os grandes males da cidade da Coruña son do goberno anterior, non quere saber nada do BNG, aínda que sabe que os nacionalistas acceden aos expedientes, estudan a documentación e fan propostas series, como pasou no caso concreto do Parrote, onde presentamos alegacións e foron estimadas nove delas, o que singifica que non estabamos tan descamiñados. Pero prefire chegar a acordos con Esquerda Unida...

—Veremos o aparcamento do Parrote en obras en maio?

—O problema non é tanto que comencen as obras, senon como as van comezar e quen as vai financiar. Nós dende o primeiro momento dixemos que Copasa non tiña dereito nin a indemnización nin a compensación. Tendo en conta isto, se era necesario adecuar o plan de actuación, había que facelo modificando o plan especial do porto, algo que non se fixo. O Bloque quere que se resolva o problema, pero conforme a legalidaede urbanística.

—O Concello di que non é necesario modificar o plan especial do porte, significa iso que pode rematar nos xulgados?

—En temas urbanísticos, non só no Parrote, hai o que se denomina a acción publica, entón calquiera cidadán podo acudir aos tribunais. O BNG, en principio, é unha forza política que traballa estudando os temas dende o punto de vista da legalidade para garantir que se cumpra e facendo propostas, pero non temos por regra xeral xudicializar a política.

—Outra das súas loitas foi contra a suba das tarifas dos buses. Hai posibilidades de que o goberno local rectifique?

—Esperemos que si. Parécenos bastante radical que nunha época de crise como a actual a Compañía de Tranvías, cuns beneficios de catro millóns de euros, tivese a valentía de pedir unha suba do prezo. É certo que a concesión administrativa o permite, pero, caramba, ten capacidade económica para non facelo.

—A concesión é dos oitenta, e o BNG non fixo nada por modificala nos últimos catro anos...

—O BNG fala sobre as demandas que lle plantexou a cidadanía cando elaborou o programa electoral, e iso é o que estamos facendo, defender o que recollemos no programa.

“As descalificacións do PP ao BNG evidencian que non ten modelo de xestión para a cidade”

Te puede interesar