O acceso á vivenda, un reto público

Nos últimos 30 anos (por non remontármonos medio século, con diferenzas aínda máis notables), a calidade de vida en España creceu considerablemente. Nesas tres décadas e ata a irrupción da pandemia, o PIB español aumentou nun 131% ata situar ao noso país no horizonte das nacións europeas máis avanzadas despois de séculos de atraso. Hoxe temos un dos mellores sistemas de saúde públicos do mundo, e contamos cunha educación, tamén pública, que, aínda coas súas eivas, funciona como ascensor social. Como en toda sociedade, a perfección non existe, e queda moito por facer en distintos ámbitos, mais en case todos eles a sociedade española está hoxe moi lonxe dos postos de partida do século XX.

Mais existe un ámbito que non avanzou ao mesmo ritmo que o resto e que hoxe configura o talón de Aquiles do noso país no ámbito social: a política de vivenda. Entre 1988 e o 2018 prezo medio do metro cadrado de vivenda nova en España multiplicouse por catro, mais os salarios non avanzaron ao mesmo ritmo, sobre todo para a mocidade que accede ao mercado laboral, hoxe se cadra máis precario e incerto que entón.

O último gran plan estatal de vivenda data de 1992, desde entón, e 30 anos despois, non se puxo sobre a mesa ningunha ferramenta tan ambiciosa para atallar un problema que foi crecendo sen freo. A Xunta, malia ostentar tamén competencias nese ámbito, nunca contou cunha política de vivenda digna de tal nome. A porcentaxe de vivenda pública sobre o total do parque en Dinamarca, por exemplo, chega ao 29%. En Francia está no 17% e no Reino Unido, no 17,6%. En España a cifra redúcese a un exiguo 2,5%.

A Constitución do 78 establece que todos os españois teñen dereito a unha vivenda, e que o Estado tomará as medidas precisas para garantir tal dereito. Mais a falta de accións nese ámbito nas últimas décadas ameaza con converter un dereito nun privilexio, especialmente para amplos colectivos, coma a xente nova, incapaces de acceder a ese mercado.

Esta sociedade non pode deixar en mans da inversión privada a garantía de cumprimento dun dereito constitucional. A vivenda é un ben esencial e ameaza xa con se converter nun problema social irresoluble para unha boa parte da poboación, especialmente para a máis vulnerable. Resolver esa eiva é un dos retos máis importantes que ten este país por diante no curto prazo.

Teño a seguridade de que Pedro Sánchez ten a sensibilidade precisa para facer este diagnóstico, e auguro que no curto prazo poderemos ver implementadas medidas de calado para que España, tamén neste ámbito, alcance os postos de cabeza da Unión Europea, igual que xa ten feito co crecemento económico, a sanidade e a educación. Só garantido que todos os cidadáns teñan acceso a un fogar en condicións poderemos vivir no país que deseñaron durante a transición aqueles que tamén construíron a Constitución de 1978.


O acceso á vivenda, un reto público

Te puede interesar