O clima está en proceso de cambio e, segundo os técnicos do Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático (IPCC), xa se produciron varios de carácter irreversible. Segundo os informes deste grupo, todo indica que a humanidade é causante destes cambios desafortunados que inciden tamén na conducta social. O Grupo, vinculado á ONU, creouse en 1988 para, a través de informes, facilitar avaliacións integrais do estado dos coñecementos científicos, técnicos e socioeconómicos sobre o cambio climático, as súas causas e a repercusión do mesmo na vida das persoas.
No último destes informes, os redactores aseveran que foi o home o causante do quecemento da atmosfera, do océano e da terra. Quen o diría, o home causante dos seus propios males? Pois si, con cambios rápidos e xeneralizados, capaces de ofertar un mundo, con un medio ambiente, diferente. A temperatura seguirá aumentando ata mediados deste século.
E, daquela, a partir de 2050, se non hai acción por parte dos gobernos, a situación será complexa. De seguir como ata agora, a finais do século, segundo os expertos, o incremento da temperatura será de máis de catro graos, aumentando tamén a intensidade e a frecuencia dos fenómenos extremos como as olas de calor, as inundacións, as precipitacións ou as grandes secas. O recente informe do IPCC di que a última vez que se acadou un nivel de quecemento por encima dos dous graos e medio foi hai uns tres mil anos.
A ciencia e a acción política teñen que darse a man, se queremos que o planeta non se resinta. Ao parecer os efectos da crise climática están afectando a tódalas rexións de terra e mar. Ninguén pode librarse do nefasto impacto do quecemento global, o desxeo, o aumento do nivel das augas ou das perversas accións deses estraños e frecuentes fenómenos meteorolóxicos.