Logo do parón que provocou a pandemia do coronavirus, a iniciativa de divulgación da toponomia galega, “Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra”, coordinada pola Real Academia Galega (RAG) e a secretaría xeral de Política Lingüística, está de volta para percorrer de novo os concellos de Galicia divulgando sobre a toponimia e a microtoponimia da nosa terra.
A sede da Academia acolleu onte a presentación deste programa. O presidente da RAG, Victor Freixanes, lembraba que “esta é unha campaña moi querida por nós”, que serve, ademáis de para divulgar, para a salvagarda dos nomes dos lugares, a través de aplicación colaborativa “Galicia Nomeada”.
Trátase da cuarta edición desta iniciativa que ten, tal e como sinalaba o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, “vontade de permanencia”. García apuntaba que o coñecemento da toponimia “ten data de caducidade”, xa que desaparece coas xeracións máis vellas. Neste aspecto está a importancia deste plan divulgativo, que permite aos cidadáns dos concellos nos que se celebra aprender, non só o significado e orixe da súa localidade, senón tamén das parroquias e pequenos lugares que tiñan nome de seu no pasado.
A cuarta edición deste plan finalizará cunha charla no centro de atención a persoas maiores de Ortigueira
O encargado de impartir as charlas deste programa será o especialista en toponimia Vicente Feijoo, que lembraba que este tipo de estudos son un “tema sensible para os galegos”. A este aspecto apelaba tamén García cando subliñaba que Galicia é un dos lugares europeos con maior número de topónimos.
Percorrido
Dende que comece o vindeiro mes de outubro, e até o derradeiro mes do ano, o programa “Toponimízate” percorrerá sete concellos galegos: Triacastela (1 de outubro), Outeiro de Rei (15 de outubro), Carnota (5 de novembro), O Irixo (12 de novembro), Ribeira (o 18 de outubro, por streaming), Meaño (o 19 de novembro, por streaming) e o Barco de Valdeorras (o 23 de novembro, por streaming).
As conferencias, de entre 90 e 120 minutos, serán presenciais, pero haberá tres que serán por streaming
As charlas teñen unha duración entre 90 e 120 minutos. Ademáis, a última, e oitava, proposta será o 3 de decembro, en Ortigueira, no centro para a atención de persoas maiores.
Feijoo afirmaba que nas anteriores edicións desplazáronse a máis de 50 concellos da comunidade, visitas nas cales lograron chegar a unhas 3.000 persoas.