Un novo libro aporta datos inéditos da vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

Un novo libro aporta datos inéditos da vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

O libro 'Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858)' foi presentado este xoves no Museo do Pobo Galego, un volume que recolle os descubrimentos realizados en febreiro deste ano en 2021 en Madrid por parte da investigadora galega Sagrario Abelleira.


A obra, segundo informou a Casa Rosalía de Castro nun comunicado, permite completar a biografía de dous dos grandes referentes das letras galegas, pois achega datos descoñecidos ata o momento.


Na presentación interviron, ademais de Sagrario Abelleira, o subdirector do Archivo Histórico Diocesano de Madrid, Pedro Sabe Andreu; o investigador, ensaísta e colaborador na edición do libro, Miguel Anxo Seixas; o secretario do Instituto Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira.


Este último destacou a importancia dos descubrimentos e vinculou a investigación de Abelleira coa de Vitoria Álvarez Ruíz de Ojeda, que xa achegara datos que desterraban a crenza de que Rosalía fora abandonada pola súa nai.


Ademais, subliñou que estas achegas documentais teñen "un importante impacto simbólico" pola alteración da data de nacemento, pero tamén sobre a biografía de Rosalía de Castro, dado que se constata a importancia da súa relación coa súa nai e desbota "definitivamente" a súa crianza en Ortoño coa suposta familia paterna.


"Estes documentos abren novos camiños para seguir investigando, especialmente no que ten que ver coa estancia de Murguía e Rosalía en Madrid", asegurou Angueira.


Novas achegas

O libro baséase no traballo de investigación de Abelleira, que localizou en febreiro, no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, o expediente matrimonial inédito de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, datado en 1858.


Composto por 12 documentos, este expediente achega nova información descoñecida ata o de agora sobre a vida dos dous escritores galegos, de utilidade para coñecer as súas amizades, cronoloxía do compromiso de matrimonio, residencias e circunstancias do nacemento de Rosalía.


O primeiro dato inédito desvelado polo libro é a auténtica data de nacemento da poeta: o 23 de febreiro de 1837, e non o día 24, día do seu bautismo. Tamén se sabe agora que Rosalía foi recoñecida como filla natural pola súa nai, Teresa de Castro, entre outros datos.


A escritora galega fora bautizada como 'filla de pais incógnitos' e a ausencia de documentación non permitía afirmar se fora legalmente recoñecida. Agora, grazas a unha escritura notarial, demóstrase que Teresa de Castro recoñeceu á súa filla en 1843.

Un novo libro aporta datos inéditos da vida de Rosalía de Castro e Manuel Murguía

Te puede interesar