Durante o último ano e medio o noso planeta viviu unha situación de absoluta excepcionalidade, situación que mudou as nosas vidas e que pasará aos libros de historia non só como o fixeron outras pandemias, que en distintos momentos asolaron países e continentes, senón tamén pola resposta dada, especialmente desde Occidente, ao impacto do virus.
Seguramente nunca houbo, en tempos de paz, unha resposta tan contundente desde o público fronte a un problema global. Sen esa resposta hoxe non estariamos a albiscar o fin da pandemia, senón nunha situación ben distinta.
Toca ir pasando páxina no ámbito sanitario, mais tamén noutros moitos aspectos da vida trastocados pola Covid-19. A presencialidade e a vida social volverán máis pronto que tarde a ser o que foron, o mesmo que as reunións e as viaxes serán de novo algo cotiá. Si a máscara foi a norma, pasará agora, pouco a pouco, a ser a excepción.
As Administracións públicas fixeron un inmenso esforzo durante o último ano e medio. Cada unha segundo as súas capacidades e segundo as distintas sensibilidades políticas. O goberno que na Coruña dirixe Inés Rey actuou tamén con todos os seus recursos para minimizar, na medida do posible, os danos. Durante os dous últimos exercicios non só se aprobaron plans de recuperación por valor de 20 millóns de euros, senón que minoráronse e mesmo suspendéronse determinadas taxas para aliviar as cargas dos sectores máis afectados polas restricións.
A volta á normalidade non consiste só en sacar a máscara, senón en retomar na medida do posible, a vida que cada un tiña antes da pandemia. O segundo PRESCO supón un último pulo para axudar a recuperar, tamén no económico, esa vida. No 2022 volverá tamén a normalidade ao calendario fiscal, pois é preciso que as Administracións recuperen os seus equilibrios para poder ser eficientes. Haberá, iso si, unha última excepción, cun mes máis de prazo para o pago dos principais recibidos domiciliados vinculados á actividade económica.
O fin das medidas excepcionais de estímulo tense que ver como un logro colectivo e positivo, o dunha sociedade que, no seu conxunto, foi quen de plantar cara a unhas circunstancias especialmente duras. Deixalas atrás significará que atrás queda un tempo convulso e difícil, un tempo que se tornou en traxedia para milleiros de persoas que perderon a familiares e amigos, mais un tempo tamén no que se demostrou que a unidade dunha sociedade e a capacidade de resposta desde o público -cos profesionais sanitarios á cabeza- son capaces de facerlle fronte a case calquera problema. Iso tamén é algo que levamos aprendido, e que sen dúbida contribúe xa a que hoxe sexamos unha sociedade máis solidaria e máis madura.