scoitamos con asombro falar dos Metaversos, ou o que é o mesmo, dese internet inmersivo que nos vai facer protagonistas, a modo de avatares, das nosas accións e omisións nas redes. Sistemas encaminados a convivir con realidades virtuais que cada día gañan mais espazo e precisan dun menor esforzo de explicación para convencernos da súa proximidade, case de roce inmediato cos nosos sentidos tan necesitados, por outra parte, de realidades tanxibles. Non van alá demasiados anos nos que falabamos destas cousas, cunha distancia cuasi sideral, e hoxe estamos inmersos xa nas guerras empresariais abertas para acadar unha parte do pastel, deses mundos que tan só vivían na nosa imaxinación. Todo sucede demasiado rápido e xa non damos aprendido tanta terminoloxía nova. E pola contra, hai demandas e esixencias que camiñan á velocidade escasa dun cabalo ao paso. En Glasgow milleiros de xoves e maiores manifestáronse pedindo medidas a favor do medio ambiente ante a convocatoria do novo Cumio do Clima. Marcharon amparados polo vello slogan de menos palabras e máis acción. Hoxe, igual que sempre, os grandes contaminadores seguen facendo oídos xordos a estas cousas. É sabido, as protestas sempre son de carácter ideolóxico, mentres que os gobernos gobernan para manter a economía e o benestar de cidadáns e empresas. Sempre houbo respostas falaces para as mesmas preguntas clásicas. Camiñamos a dúas velocidades. As innovacións supuxeron novos nichos de oportunidade e mundos máis abertos, onde o accesible era compatible co inmediato e a mellora da calidade de vida. Hoxe, demasiados mundos quedan fóra dos novos sistemas, é dicir, moitas sociedades observan os cambios dende lonxe e medran as desigualdades, as diferencias e as disimetrías. Tan só soñar fainos radicalmente semellantes.
Sinto a desmesura da sombra que deixaches -dixo El- o silencio compacto que reflexa o baleiro da tenrura. Sinto a pedra e o arco e a afouteza verde dunha árbore...