O concerto que hoxe darán os Brothers in Band no Pazo da Ópera foi, probablemente, o primeiro que se cancelou na cidade polo estoupido da pandemia o día 13 de marzo do 2020. A súa representación do “Alchemy”, o disco en directo que a banda Dire Straits gravou no Hammersmith Odeon de Londres os días 22 e 23 de xullo de 1983, tivo que adiarse en varias ocasións e esta noite (20.30 horas) por fin chegará á Coruña.
“Pretendemos trasladar á xente a aquelas noites, recrear aquel momento co máximo respecto e o mesmo vestiario, instrumentos e iluminación”, explica o batería, Miguel Queixas, quen engade que a maiores tocarán “tres temas que se tocaron aquelas noites, pero que non se meteron no disco”.
Desde a súa publicación no 84, este doble álbum en directo convertiuse nun icono do rock and roll e 38 anos despois a banda xestada na Coruña revivirao coa mesma atmosfera. O grupo herculino xa levou este espectáculo por diferentes cidades, obtendo unha grande acollida, apunta Queixas: “En Torrevieja unha señora inglesa deunos as grazas e nos dixo que ela estaba naquel concerto histórico. Foi moi bonito trasladala a aquela noite”.
Co 75% das localidades vendidas, Brothers in Band destaca o concerto de hoxe como “a única oportunidade para gozar deste ‘Alchemy’ en Galicia”.
Angelo Fumarola (voz e guitarra solista), Fernando Abenza (baixo eléctrico e coros), Antonio Abad (guitarra rítmica e coros), Sander Ulloa (saxo), Xabier Vaz (piano e teclados) , Ángel Fernández (teclados) e Miguel Queixas (batería) conforman a banda que dá vida a este “Alchemy Re-Live”, un símbolo da traxectoria musical da agrupación de Mark Knopfler.
“Dire Straits ten etapas tan definidas que é como sacar un corte de terra e ver os diferentes estratos, ten unha música espectacular, unhas letras e unha forma de entender a música apaixoante, ademais dunha pulcritude máxima á hora de tocar. É un bombón para calquera músico e estamos encantados de que os concertos teñan boa acollida”, sinala o batería de Brothers in Band.
As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com e no quiosco da praza de Ourense con prezos entre os 22 e os 30 euros. Os que adquiriron as localidades para o espectáculo de marzo de 2020 foron reemplazadas por unhas novas e desde a organización avisan de que todas serán nominais e será obrigatorio o uso da máscara.