Andrea Dourado | “Unha persoa con diabetes toma 800 decisións ao día”

A vicepresidenta da Asociación Coruñesa de personas con Diabetes conta as súas experiencias lidiando coa enfermidade
Andrea Dourado | “Unha persoa con diabetes toma 800 decisións ao día”
Andrea Dourado leva 21 anos lidiando coa enfermidade

Andrea Dourado é, aos seus 30 anos, a vicepresidenta da Asociación Coruñesa de personas con Diabetes (Acodi), unha entidade con case cen membros que trata de axudar ás persoas que padecen esta enfermidade na cidade.

 

Como descubriu que a tiña?
No meu caso igual foi moito máis doado que noutros porque o meu pai ten diabetes. Entón eu era unha nena que polo xeral non bebía nada, e de súpeto comecei a beber moito. Un día pola tarde que estaba coa miña nai pedínlle un Aquarius, bebino dun grolo pero seguía con sede. E ela, que xa levaba bastantes días vendo que bebía sen fondo, díxolle ao meu pai que me mirara o azucre porque algo ía mal. Miráronmo e efectivamente tiña 538 miligramos por decilitro (o normal é ter entre 200 e 350), unha cifra que recordarei sempre, e mandáronme para a cama sen cear. O día seguinte xa fomos ao centro médico, e despois de facer as analíticas xa me diagnosticaron diabetes tipo 1, como o meu pai. Agora en xaneiro fago 21 anos coa enfermidade.

 

Como é o seu día a día?

Eu sempre marco unha diferencia entre ‘son Andrea e teño diabetes’ e ‘son Andrea e son diabética’. Si é verdade que ao longo do día temos que tomar moitas decisións, pero intento que non me condicione. Eu levántome pola mañá, vou traballar e miro o azucre que teño. Se tomo un café no traballo, volvo a miralo. Despois para comer, pícome a insulina un pouco antes, e volvo miralo ao rematar. Saio de traballar e vou para a casa, ou a entrenar ou facer recados. É verdade que miro a todas horas o azucre, pero intento facer unha vida normal. No que o notas é se igual pola tarde queres comer calquera cousa e pensas ‘se como algo teño que picarme máis insulina’, entón tes que facer esos cálculos: unha persoa con diabetes ao longo do día ao mellor inconscientemente toma 800 decisións. Pero ao final telo tan normalizado e tan interiorizado que non son decisións tan activas, non o notas.

 

Como entrou en contacto coa asociación?
Na Coruña non había ningunha asociación, e os meus pais empezaron a xuntarse con outros para facer unha aquí, porque a máis cercana era a de Ferrol. Ao final, co apoio da asociación de Ferrol creouse a de aquí. Eran como seis ou sete familias que se xuntaron para crear a asociación. Levo desde 2006.

 

Que servizos ofrece?

Intentamos facer charlas informativas e algunha quedada para coñecer a máis xente coa enfermidade, sobre todo os nenos. Que cada persoa conte un pouco os seus problemas e axudala no que poidamos. Nós non somos sanitarios, non podemos dar esos consellos, pero podo dicir ‘a min pásame isto e fago tal para solucionalo, podes probalo a ver se contigo funciona’. Pero o que si que non facemos é iso, dar recomendacións médicas. Hai outra xente que o fai, pero a min paréceme perigoso: nós dicimos desde a nosa experiencia o que facemos, pero recomendamos ir ao médico. Tamén intentamos facer camiñatas para promover un pouco o deporte, mandamos unha revista cada dous meses da Federación Española de Diabetes, mandamos novas se nos enteramos de algunha...

 

Que consello daría a alguén que acaba de descubrir que a ten?

Eu diríalle que ten que aceptar que é unha compañeira para o resto de vida: que canto máis a neguemos, peor vai a ser. Se estás descontrolado non vas a poder facer unha actividade fluida, porque se tes o azucre moi alto vas a estar moi cansado, e non che vai apetecer facer cousas, pero tes que levala da man o mellor posible. Sempre vai haber altos e baixos porque ao final tampouco é o único que pasa na túa vida, e haberá días nos que non estés ben anímicamente polo que sexa e iso tampouco axuda: tes que aceptar que é unha mochila na túa vida que tes que levar, como se tes lentes. Como di o psicólogo que tamén ten diabetes Iñaki Lorente, á semana podes permitirte dicir tres veces ‘estoy hasta los cojones de la enfermedad’, que é lóxico e normal, pero tes que levalo adiante o mellor posible, con humor sempre e entendendo como é. Porque é certo que moitas veces non doe nada, non a notas, pero se non a tratas é como un producto corrosivo: ti polo nunha superficie e igual no momento non fai nada, pero se o deixas dez minutos acaba por rompela. Pois isto é o mesmo: se non a coidas no día a día acabas poidendo ter moitos problemas co paso do tempo. 

Andrea Dourado | “Unha persoa con diabetes toma 800 decisións ao día”

Te puede interesar