A concelleira e deputada do BN Mercedes Queixas asina unha proposición non de lei por medio da cal formula propostas destinadas a resolver o grave problema de acceso á vivenda por parte da mocidade universitaria na nosa cidade.
Queixas demanda que se desenvolva unha bolsa de vivenda pública en réxime de aluguer na Coruña destinada ao estudantado de formación superior, constituída a través da compra, a rehabilitación e a construción de inmóbeis novos. Ao mesmo tempo, propón que se oferten prazas en residencias públicas, rehabilitando infraestruturas existentes e creando outras novas en terreos propiedade da Xunta.
A deputada, acompañada polo tamén concelleiro nacionalista David Soto, mantivo esta mañá un encontro con estudantes no campus de Elviña e deu a coñecer estas propostas nunha comparecencia perante os medios. Nela denunciou que “A Coruña é unha cidade universitaria e resulta inexplicábel que a día de hoxe non conte con oferta de ningunha praza de residencia pública por parte da Xunta”.
En realidade, a única residencia pública que existe na cidade -a Elvira Bao- foi creada pola Deputación da Coruña -que non é administración con competencias en educación, éo a Xunta- e a instancias do BNG.
A ausencia de residencias públicas de titularidade autonómica condiciona, “cando non impide”, o acceso á formación universitaria na UDC.
E é que acceder a unha vivenda a prezos asequíbeis na Coruña é unha empresa practicamente imposíbel para as maiorías sociais. “As persoas inscritas como demandantes de vivenda pública no rexistro do Instituto Galego da Vivenda e Solo son máis de 2.300, unha situación que contrasta co feito de na cidade haber máis de 20.000 moradas baleiras, ao tempo que a oferta de vivendas de uso turístico non deixa de medrar sen que esta actividade, que obviamente reduce o número de casas para o aluguer convencional, sexa regulada pola Xunta”, salienta.
“A oferta de vivendas en aluguer segue a diminuír na Coruña e os prezos non deixan de subir, o que obriga a cidadanía a dedicar até 54,12% do salario medio galego, o que fai inviábel garantir o acceso a unha vivenda digna”, remarca Queixas para a seguir engadir que este problema atinxe directamente “a xente moza que vén estudar á nosa cidade”.
Para a deputada nacionalista, non hai solución ao problema de vivenda que non pase polo protagonismo “das políticas públicas” e nese sentido lamenta a inacción da Xunta, constatada ao longo de 15 anos de goberno en que a Administración galega só construíu 40 pisos na nosa cidade.