O BNG ve preocupante a “situación social” na Coruña e pide que se reforce o persoal dos servizos sociais

O BNG ve preocupante a “situación social” na Coruña e pide que se reforce o persoal dos servizos sociais
David Soto, concelleiro do BNG / AEC

O BNG ve preocupante a “situación social” na Coruña e pide que se reforce o persoal dos servizos sociais. "Nos últimos tempos estanse a agudizar determinados problemas sociais na cidade -dificultades no acceso a unha vivenda digna, con aumento das persoas sen fogar, familias necesitadas de escudo social, incremento das doenzas de saúde mental....-, sen que desde o Goberno local se estea a abordar ese fenómeno de forma satisfactoria", sinala o Bloque nun comunicado de prensa.

 

“Sabemos que as competencias na materia son basicamente da Xunta, mais o Concello ten tamén capacidade de actuación e a nosa impresión é que o Goberno Local non está á altura das circunstancias”, afirma o concelleiro do BNG David Soto, quen vai levar o asunto ao Pleno deste xoves cunha pregunta oral co seguinte texto: “Fai o Goberno Local algunha valoración crítica sobre o seu desempeño en materia social?”.

 

Ao xuízo do BNG, si cabe facer esa valoración crítica. "Para comezar, non entendemos por que razón se deixou de publicar a memoria anual do servizos sociais, que se viña editando desde había anos e que nos daba boa conta da situación social da cidade á hora de elaborar diagnósticos e planificar actuacións”, afirma Soto.

 

Para o concelleiro, hai dous aspectos básicos das políticas sociais que non están a ser atendidos de forma suficiente por parte do Executivo coruñés. “En primeiro termo, a dotación de medios persoais dos servizos sociais é claramente insuficiente. En segundo termo, é necesario reverter a centralización dos servizos pola que lamentabelmente apostou no seu día o Goberno de Carlos Negreira (PP), unha medida que ten resultado en peores prestacións para as persoas”, alega.

 

“Vemos con preocupación como os problemas sociais medran sen que medre a atención e o interese que o Goberno Local pon en contribuír a palialos, de aí que levemos o asunto ao Pleno”, conclúe o concelleiro.

O BNG ve preocupante a “situación social” na Coruña e pide que se reforce o persoal dos servizos sociais

Te puede interesar