Carlos Núñez | “A xente ten verdadeira necesidade de ter un curruncho de liberdade dentro do sistema”

O músico volve á Coruña o xoves para ofrecer o xa tradicional concerto de Nadal, no que as panxoliñas tamén terán o seu protagonismo, aínda que a actuación forma parte da xira ‘A travesía’, coa que está a presentar polo mundo adiante o seu último disco, ‘Celtic Sea’, unha viaxe musical polos diferentes mundos celtas
Carlos Núñez | “A xente ten verdadeira necesidade de ter un curruncho de liberdade dentro do sistema”
Carlos Núñez, nunha foto promocional | Cedida

Nos últimos meses, Carlos Núñez xirou “por todas as Galicias do mundo”, pero o vindeiro xoves, día 26, volve ao teatro Colón (20.30 horas) para o que xa é unha tradición do Nadal coruñés: un concerto seu.


Este ano trae ao recinto herculino a xira ‘A travesía’. “É a xira internacional que fixemos este ano, levando o novo disco, ‘Celtic Sea’”. O traballo, que naceu para celebrar os 50 anos de Britanny Ferries, é unha sinfonía que percorre os mundos musicais de tradición celta: desde Galicia a Irlanda, pasando por León, Cantabria, Euskadi ou a Bretaña. Este tour permitiulle levar a súa música a espazos de Manhattan, Normandía ou Glasgow, entre outros moitos. 
 

Algunha das actuacións foi en lugares especiais como a que ofreceu na catedral de St. Patrick, en Dubín. Núñez lembra que no noso imaxinario está a visión celta dos irlandeses, así como a súa cultura da socialización. Por este motivo actuar nunha catedral coma esta foi “superinteresante”. “Foi descubrir esa otra parte dos irlandeses que, seguramente, non comparten co resto do mundo”, afirma o músico, que engade que “esa espiritualidade irlandesa, probablemente a reservan para eles”. Pero asegura tamén que o concerto foi “marabilloso” porque incluso na primeira fila había caras coñecidas, como a do presidente de Irlanda, Michael Higgins.

 

Viaxe musical

Sobre esa viaxe musical polos mundos celtas, Carlos Núñez analiza por que en Galicia somos máis conscientes desa ligazón que noutros territorios de España. “En Galicia somos moi afortunados porque somos heredeiros de toda unha tradición e dunha xente que foi moi avanzada, internacional, e que souberon situar a Galicia moi ben, aló polo século XIX”, afirma.


“Fomos, e somos, moi afortunados, porque os nosos devanceiros situáronnos moi ben nesa familia celta”, engade o músico, antes de preguntarse: “Por que León, Zamora, Castela, que teñen unha herdanza celta importante, non gozan dese pedigrí que ten Galicia?”, e respóndese en segundos, “porque Galicia relacionouse co mundo celta antes, tivemos o Rexurdimento, tivemos todo un movemento artístico, con xente moi boa e preparada”. E pon como claro exemplo o himno galego e as historias de como os irlandeses no XVII acudían a España cando escapaban das illas, “porque as súas lendas dicían que os celtas viñan daquí”. 
 

Non obstante, asegura que os concertos en cidades como León están a ser sempre ante auditorios cheos. “Hai moitas ganas e ilusión por formar parte desde mundo Atlántico, pensa que esa idea de España como país mediterráneo xa foi ben usada e agora hai unha ilusión por descubrir a nosa outra cara da Lúa, esa tan descoñecida, misteriosa, o mar Celta que, no fondo, é como sempre se chamou, por iso lle puxemos ao disco ‘Celtic Sea’”.
 

Pero o público en xeral está a ofrecer unha resposta positiva. “A xente ten verdadera necesidade de conectarse con toda esta realidade”, asegura Núñez, que pon como exemplo o vivido na xira polos Estados Unidos, lugar ao que non regresaba desde antes da pandemia. “Vimos a uns americanos un pouco de volta do Soño Americano, xa non acaban de crer nel, queren cousas de verdade: ‘Give me real things’”. “A xente ten verdadeira necesidade de ter un rincón, un curruncho, de liberdade dentro do sistema”, algo que pode combater a música en directo: “O mundo celta sigue a ter un pequeno balcón de liberdade para poder soñar”

Carlos Núñez | “A xente ten verdadeira necesidade de ter un curruncho de liberdade dentro do sistema”

Te puede interesar