A Coruña lembra a Manuel Murguía no centenario do seu falecemento

A Coruña lembra a Manuel Murguía no centenario do seu falecemento
Freixanes, Rey e Rodríguez depositan a coroa de loureiro na tumba de Murguía/Javier Alborés

O cemiterio de Santo Amaro, onde permanecen os restos de Manuel Murguía (1833-1923) e dos fillos que tivo con Rosalía, que está no Panteón de Galegos Ilustres en Santiago, foi o escenario no que o Concello da Coruña e a Real Academia Galega arrancaron os actos de conmemoración do centenario do falecemento do escritor.


Deste xeito, o canto á lingua e á nacionalidade galega que Manuel Murguía presentou na apertura dos Xogos Florais de Tui (1891) volveu escoitarse este mediodía no cemiterio coruñés de Santo Amaro na voz de Margarita Ledo.


A académica deu lectura a unha versión adaptada para a ocasión de fragmentos da histórica alocución ao pé da tumba na véspera do centenario da súa morte, nun acto organizado pola Real Academia Galega e o Concello da Coruña no que se descubriu unha placa cunha síntese daquel discurso.


Despois de ver ese deseño de Pepe Barro, tivo lugar unha ofrenda cunha coroa de loureiro e a interpretación do himno galego por parte da Banda Municipal de Música da Coruña.


A homenaxe continuou no palacio municipal de María Pita, onde o académico de número e director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, repasou a vida e o legado de Murguía.


Villares destacou que “Murguía foi clave para a construción dunha historia xeral de Galicia, pero tamén foi esencial no campo doctrinal e político do rexionalismo e, desde logo, na capacidade para construír un repertorio simbólico que dotou a Galicia de instrumentos análogos aos que tiveron outras culturas europeas”.


A Coruña acolleu hoxe tamén o inicio das celebracións institucionais do centenario da morte do escritor con este acto no que tamén interviñeron o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez

A Coruña lembra a Manuel Murguía no centenario do seu falecemento

Te puede interesar