Onte, no teatro Colón, no marco de Viñetas desde o Atlántico, uníanse dous mundos que non é habitual ver xuntos, como é o cómic e a dramatización sonora. A obra escollida era ‘O Lume’, de David Rubín, e o encargado da audioficción, Xosé Barato. O proxecto, explica o propio Rubín, naceu no último Nadal, cando Camilo Franco lle falou da posibilidade desta proposta dramática de Barato: “eu dixen que sí, pero que non quería saber nada, quería sorprenderme”, apunta Rubín cun sorriso, ao tempo que engade “parecíame tan imposible traducir iso a un medio sonoro... ‘O Lume’ é unha obra que conta moitas cousas de forma visual”.
Pero a sorpresa chegou. A estrea foi en xullo na Selic, en Santiago, e o historietista asegura que “me emocionei, moito”. “Fíxome sentir algo que nunca sentira, entender como se sinte alguén cando le a miña obra”, explica e engade que no Colón a proposta sería aínda máis “alucinante”.
Rubín indica que ‘O Lume’ foi un tebeo ao que lle adicou preto de dez anos da súa vida. Non foi fácil a súa concepción, porque “tivo unha construcción longa no tempo e unha carga emocional moi personal, tiven que hurgar en moitos caixóns que prefires que sigan pechados”. “Fixen o tebeo que eu creía que tiña que facer e síntome orgulloso del”, engade.
A pesares disto, asegura que a parte da lectura, aínda que sexa moi rápida, e algo que lle alegra, “porque, ante todo, ten que ser entretida, podes desnudarte, pero ao mesmo tempo ten que ser divertido e que a xente se enganche”.
A carreira de David Rubín vai case da man da historia de Viñetas. As primeiras edicións coincidiron cos seus primeiros pasos, e lembra que foron “importantísimas”. “Non só para min, senón para moitísimos autores que crecimos á sombra do festival”, apunta enumerando a Emma Ríos ou Alberto Vázquez.
“Entristéceme que Miguelanxo (Prado) non esté, enténdoo, respétoo e ten o meu apoio, pero penso que hai que seguir apoiando moi forte o festival, é moi importante que Coruña siga a ter un festival, que sexa referente do cómic e que os rapaces novos sigan a ter o escaparate que tivemos nós”.