Fillas de Cassandra | “Pensas que coñeces todas as emocións e publicar o disco foi como descubrir cousas novas"

Fillas de Cassandra | “Pensas que coñeces todas as emocións e publicar o disco foi como descubrir cousas novas"
Fillas de Cassandra no concerto do domingo pasado | Carlota Blanco

Os mitos da antigüidade danse a man coa música tradicional galega e os ritmos contemporáneos para cantar as historias das mulleres da actualidade. As Fillas de Cassandra naceron hai pouco, o vindeiro xullo fará dous anos que María e Sara se coñeceron, pero rápido se fixeron un oco no panorama musical galego. Mostra diso viuse o pasado domingo na Fundación Luis Seoane, onde actuaron no marco do VanGal.


“Foi unha pasada”, apunta María SOA. “Viñamos de presentar o disco en Vigo e tiñamos toda a emoción aí collida e non esperabamos que chegar á Coruña por primeira vez fose tan especial, outra emoción superfuerte”, explica, antes de engadir que o sábado, no marco do Istmo Fest (parque de Santa Margarita), será algo “máis distendido, ao ser ao aire libre igual a festa é un pouco maior”, asegura entre risos.

 

Inicio do proxecto

Sara e María coñecéronse hai dous anos nunhas xornadas contra os feminicidios que estaban a ocorrer. Acudían cada unha pola súa conta, pero as amigas de ambas “dixéronnos que nos tiñamos que coñecer”, así que chamou a Sara para ver se quería tocar con ela unha canción que tiña a medio compoñer. A cousa xurdiu e “xa nas probas de son nos preguntaban como se chamaba o grupo”.
 

Foron quedando para tocar e rematar proxectos de cada unha, mentres Sara lía sobre o mito de Cassandra, polo que propuxo o nome para o grupo, “porque resonaba en nós a súa historia co que nos estaba pasando hoxe en día”, ao que ela engadiu o ‘fillas’, “porque na loita na que estabamos, as nosas nais e avoas eran superreferentes, e seguen sendo, e cando mesturamos Fillas de Cassandra, como que nos falou”.
 

‘Cassandra’ foi o primeiro tema, á que seguiron outros mitos “porque si ese resonaba, con outros pasaría o mesmo”. O paso para facelo disco (‘Acrópole’) déronno “cando vimos as semellanzas dos mitos co que nos pasa ás mulleres hoxe en día”.


A pesares de ser o primeiro traballo, tiñan claro que a calidade e o coidado habían de ser máximos. “Era un pouco a intención dende o principio, se facemos algo e o sacamos para fóra, preferimos agardar un pouco e poñer todo o esforzo para que saíse algo que verdadeiramente nos gustase”.

 

Posta en escena e resposta do público

Tanto no audiovisual como para o escenario, pesan a bagaxe de ambas nas artes escénicas. “Sara leva en teatro dende sempre e ten esa visión espacial da posta en escena, eu fixen acrobáticos e outro tipo de danzas”, explica María e engade que “nos preocupa moito esa parte, o único, é que, agora que estamos empezando, atopámonos con escenarios onde é imposible levar a cabo a posta en escena que nos gusta, pero pouco a pouco”, recoñece entre risas.


Do vivido até o de agora, asegura que a resposta do público “é unha pasada”. “Causa moita impresión chegar aos concertos e que a xente saiba todas as cancións”, apunta, “falámolo sempre, chega un momento da vida que pensas que xa coñeces todas as emocións e publicar o disco foi como descubrir moitas cousas novas”, conclúe. 

Fillas de Cassandra | “Pensas que coñeces todas as emocións e publicar o disco foi como descubrir cousas novas"

Te puede interesar