"Insuficientes e ficticios": así ve o BNG os orzamentos autonómicos para A Coruña e a súa comarca

Jorquera lamenta que A Coruña fique excluída do rescate das autovías anunciado por Rueda
"Insuficientes e ficticios": así ve o BNG os orzamentos autonómicos para A Coruña e a súa comarca
O BNG presenta a súa avaliación sobre os novos orzamentos da Xunta

Os orzamentos da Xunta para 2025 son “insuficientes” e “ficticios” e constitúen unha nova mostra da Coruña cidade e a súa comarca “non seren unha prioridade para o Goberno galego”. É a análise que realiza o BNG tras a presentación das novas contas autonómicas para o vindeiro ano.

 

Nestes termos pronunciáronse, en conferencia de prensa, a concelleira e deputada do BNG Mercedes Queixas, quen compareceu, na compañía da tamén deputada Iria Taibo e do portavoz do Bloque no Concello, Francisco Jorquera, para avaliar o proxecto de contas do Goberno galego para o vindeiro exercicio.

 

Jorquera achegou uns datos que mostran, dixo, como o compromiso orzamentario da Xunta coa cidade e a comarca vai ser en 2025 menor do que en 2024: "Xa non é que non se actualicen as cifras coa inflación, é que a cantidade tamén decrece en termos absolutos".

 

“En 2024, as partidas sumaban 128 millóns de euros, 107 para A Coruña e 21 para os concellos lindeiros. En 2025, baixan até 115, 101 para A Coruña e 14,4 para os concellos lindeiros. O descenso é do 10,15%, a cidade sofre unha contracción orzamentaria do 5,57% e os concellos da comarca, do 31,41%”, expuxo o portavoz nacionalista.

 

O descenso é máis grave sendo que “se volven repetir partidas que xa figuraban nos últimos anos e que non se chegaron a executar”, remarcou Jorquera.

 

Queixas botou man dunha metáfora, a da carta dun restaurante, para debullar os orzamentos.

 

"Nun restaurante sempre temos o que se ve na carta, o que se ve pero non está -porque se esgotaron as existencias ou porque a cociña xa está fechada-e o que non se ve". No que se ve, sinalou, aparecen as partidas máis orzadas nas contas: os 16,6 millóns de euros da Intermodal e os 37,6 millóns para o Chuac.

 

Sobre a primeira, salientou Queixas que a previsión inicial -a que o pasado ano aparecía na programación plurianual- era que en 2025 se orzasen só 9,2 millóns de euros: “Que agora consignen 16,6 parece responder a que se despraza a 2025 diñeiro non executado en 2024. Isto significa que se está a producir un claro retraso e estamos a falar de que a da Coruña é a última intermodal en se construír”.

 

Canto ao Chuac, a previsión no calendario plurianual era a de destinar en 2025 105,5 millóns. Orzar só 37,6 millóns (menos que os 41 das contas vixentes) constitúe unha clara evidencia “de as obras iren con moito retraso)".

 

Tamén se ve nestes orzamentos un investimento na Cidade das TIC -no futuro Centro de Formación- menor ao previsto, ao se consignar 4,2 millóns cando na programación figuraban 5 para 2025, sinalaron.

 

Sobre vivenda, os máis de trece millóns de euros que aparecen nas contas para o vindeiro exercicio teñen un evidente problema de credibilidade, sendo que “segundo os últimos datos dispoñíbeis, os de 2023, o Goberno galego deixou de executar máis do 67% dos fondos para a construción de vivenda pública".

 

Aínda máis, a concelleira e deputada nacionalista pregúntase que modelo de política habitacional ten o PP. “Acaban de aprobar unha suba do 30% ao prezo da vivenda protexida, tornándoa aínda máis inaccesíbel para as rendas baixas”, denuncia. “Un piso de tamaño medio custa agora 203.067 euros”, censura.

 

Por último, no menú, dixo, é visíbel tamén unha partida de 330 mil euros para a Orquestra Sinfónica de Galicia. É un incremento de 10% a respecto de 2024 (en realidade, se axustamos a cantidade á inflación, apenas sería do 7%). “En todo caso, é unha cantidade irrisoria tendo en conta que a débeda da Xunta coa OSG supera os 5 millóns de euros”, anota Queixas.

 

Canto ao que está no menú, pero non plenamente dispoñíbel, citou Mercedes Queixas o centro de saúde de Santa Lucía, con 2,1 millóns de euros (igual que en 2024, mais sen executar), a residencia de maiores financiada pola Fundación Amancio Ortega (que aparece e desaparece dos orzamentos) ou o albergue de peregrinos, dotado con 1,2 millóns de euros após a partida orzada no exercicio vixente (1,5 millóns) non se ter executado.

 

“E logo está o que non aparece na carta do restaurante. Isto é, as ausencias clamorosas nestas contas, e aí temos que, nun novo orzamento da Xunta para a cidade, non hai ningunha previsión de creación de novas escolas infantís ou centros de día, nin tampouco se ve por ningures o reforzamento do ensino, cando as necesidades -véxase as situacións do IES Agra do Orzán ou do Centro de Orientación Familiar de Orillamar- están á vista”, alegou.

 

Por tanto, resumiu, os orzamentos son para a cidade “insuficientes e ficticios”, “espello dos incumprimentos do PP coa cidade, demostración da Coruña non ser unha prioridade para a Xunta”.

 

O mesmo diagnóstico fíxoo Iria Taibo en relación á comarca. “É impresentábel que se nos destine menos diñeiro que no orzamento actual, tendo en conta as necesidades que temos, quer do punto vista social quer do punto de vista das infraestruturas”, dixo. En relación a estas últimas, reiterou a oposición do BNG ao actual trazado da Vía Ártabra, ao non se contemplar a conexión coa A6, e anunciou a presentación de alegacións ao respecto.

 

Taibo criticou tamén a falta de transparencia dos orzamentos. “Son opacos. Dificultan o traballo da oposición. Hai partidas que non teñen un destino claro, o que permite que o Goberno galego as aplique despois onde lle interese”, argüíu.

 

Canto á situación da Residencia asistida de maiores de Oleiros, Taibo remarca que os investimentos anunciados nun centro con claros déficits -quer de medios materiais quer de persoal- “nunca se dan concretado”.

 

Interpelado polos medios a respecto da licitación anunciada este mesmo xoves da plataforma flotante do Parrote, Jorquera considerou que non é esta precisamente a maior prioridade que teñen as coruñesas e os coruñeses.

 

“Cando a situación da sanidade é a que é, cando moitos centros educativos na Coruña están como están, cando as políticas sociais dependen en moi boa parte da administración autonómica, cando o acceso a unha vivenda digna é cada día máis difícil -e as competencias principais na materia están residenciadas na Xunta-, cando todo é así, pregúntome se a grande noticia que esperan da Xunta as coruñesas e os coruñeses é a licitación da plataforma do Parrote”, respondeu Jorquera.

 

O portavoz nacionalista tamén lamentou que este proxecto de orzamentos vaia ser “infelizmente” unha oportunidade perdida para comezar o rescate da AG55.

 

“A Coruña fica excluída do rescate das autoestradas que anunciou o señor Rueda, a pesar de que a AG55 que nos comunica con Carballo é fundamental para conectar cos polígonos industriais de Arteixo, A Laracha ou o propio Carballo e a pesar de que absorbe un tráfico na súa maior parte de proximidade e de que moitas persoas usuarias teñen que circular por esta vía até catro veces ao día por razóns de traballo”, concluíu.

 

"E tivo que se producir unha auténtica crise social arredor da vivenda para a Xunta reparar en que é a administración competente na materia e para o goberno galego facer anuncios ao respecto", criticou Jorquera. Mais mesmo así o diñeiro que destinan estes orzamentos á vivenda na Coruña é “manifestamente insuficiente” cando, alén do máis, a Xunta se resiste a declarar A Coruña zona tensionada ou a cumprir cos seus deberes na regulación das vivendas de uso turístico”, rematou.

"Insuficientes e ficticios": así ve o BNG os orzamentos autonómicos para A Coruña e a súa comarca

Te puede interesar