Jaime Pablo Díaz | “Hai moito público para a danza na Coruña e en Galicia”

O director de Nova Galega de Danza fai balance dos vinte anos de vida da compañía, que celebra a efeméride cunha antoloxía no Colón, que comezará o venres coa representación de ‘Leira’, á que seguirán o sábado ‘Berro’ e o domingo ‘Dique’
Jaime Pablo Díaz | “Hai moito público para a danza na Coruña e en Galicia”
Jaime Pablo Díaz, director de Nova Galega de Danza, no teatro Colón | Patricia G. Fraga

Esta fin de semana, o teatro Colón acolle unha antoloxía de Nova Galega de Danza polo seu 20 aniversario. Serán tres pezas o venres (‘Leira’), sábado (‘Berro’) e domingo (‘Dique’).
 

“Tiñamos ganas de celebrar, de facer esa celebración dos 20 anos”, conta Jaime Pablo Díaz, director da compañía, que visitou o recinto para presentar as tres pezas. “Falando co equipo, dixemos: ‘Por qué non facer tres espectáculos de celebración?’ e escollimos os últimos, que son tamén os máis emblemáticos”, explica sobre pezas como ‘Leira’, que permitiu a Iván Villar gañar un MAX ao mellor bailador. 
 

Díaz adianta que o público do Colón, que esgotou os convites para as tres funcións “en catro horas”, verá “tres pezas moi diferentes, pero cun nexo en común, que é a nosa tradición, a nosa cultura e o noso selo de identidade”. Máis polo miúdo, indica que ‘Leira’ “fala da terra”; ‘Berro’, pola súa banda, é “un traballo máis conceptual” arredor do movemento; e ‘Dique’ “é a historia desas 200 mulleres que estiveron traballando no dique da Campana, en Ferrol, hai 150 anos, nese mundo de homes”, comenta o director.


Estas tres creacións permitirán conmemorar 20 anos de vida bailada. “O balance dos 20 anos é moi bo”, conta Díaz, que lembra que houbo “momentos difíciles”, pero que o resumo é o da felicidade: “Ao final, estamos facendo o que nos gusta e a compañía ten boa acollida alá por onde vai, é marabilloso, quen me iba dicir que iba estar 20 anos traballando no mundo da danza, cunha compañía privada, sen axudas e que seguimos aí”, relata o director de Nova Galega de Danza, que agradece a “todos os artistas que pasaron pola compañía e aos que están agora, porque grazas a eles isto sae adiante”.

 

Soño e público

Díaz sorrí ao pensar que, vinte anos despois, está a celebrar cunha programación de tres días nun espazo como o Colón do que, ademáis, garda moi boas lembranzas porque foi o lugar “no que comecei aos 16 anos”. “Nunca pensei en algo así, porque non pensaba nin en chegar aos 20 anos”, afirma sen aguantar a gargallada, antes de engadir: “Cando me dan a oportunidade de poder estar coa miña propia compañía neste teatro tan emblemático como o Colón, con todo o que vivín eu aquí, esto non é un regalo, é o seguinte”.
 

As tres funcións esgotaron os convites en catro horas e Díaz asegura que é porque na Coruña, e en Galicia, “hai moito público para a danza, é unha loita que temos co de que o público é minoritario, pero non é así”, apunta, lembrando que cando estrearon ‘Leira’ “quedou moita xente na rúa, sen entrada”.


Tras esta celebración, Díaz asegura que non mira ao futuro, “miro máis ao presente, a desfrutar destes espectáculos no Colón, o que apareza despois, benvido sexa”. 

Jaime Pablo Díaz | “Hai moito público para a danza na Coruña e en Galicia”

Te puede interesar