Luar na Lubre presenta o seu vixésimo disco, “un traballo que pivota nos amigos”

Luar na Lubre presenta o seu vixésimo disco, “un traballo que pivota nos amigos”
Ferreiro e Romero na presentación do libro-disco de Luar na Lubre | Javier Alborés

Luar na Lubre vén de publicar o seu disco número 20, que para a ocasión é un formato libro-disco, que leva por título ‘Luar na Lubre. XX-Encrucillada’. O líder di grupo, Bieito Romero, explica que este é “un traballo que pivota nos amigos”.
 

Facíao, precisamente, rodeado dalgúns deses amigos, como Xurxo Souto, Felipe Sénen ou Nonito Pereira, os cales puxeron o seu gran de area no libro. Romero presentaba o novo traballo na libraría Moito Conto, xunto ao músico e coprodutor da banda, Xavier Ferreiro, a directora de Baía Edicións, Belén López, e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García.
 

Explicaba Romero que este podería ser “o último disco físico”, o que non quere dicir que sexa o derradeiro traballo da formación, por ese motivo, entre outras cousas, o título de ‘Encrucillada’. Trátase dun libro “pensado a modo de celebración”, apuntaba Bieito Romero, que lembraba brevemente a historia do grupo na súa alocución, sempre “cunha perspectiva positiva do percorrido”.
 

Este traballo son 16 temas, dos cales comentaba Ferreiro que rescataron sete de gravacións pasadas, aínda que fixeron versións novas deles. O produtor, a quen Romero refería na presentación como “o druida do son”, sinalaba que se mergullaron en “dez terabytes” de sesións e pistas de gravacións e que o disco conta, dun xeito ou outro, cun cento de colaboracións.


É, por tanto, un traballo que supón “a celebración vital” de case catro décadas de traxectoria, cifra á que Romero indicaba que chegan “con boa saúde creativa”. Lembrando os seus pasos, o membro de Luar na Lubre viaxaba aos seus inicios cando “moitos nos dicían: ‘pero a onde ides cantando en galego?’”, ao que respondía onte asegurando que esta ampla traxectoria serve tamén para “calarlle a boca a eses agoreiros”. 

Luar na Lubre presenta o seu vixésimo disco, “un traballo que pivota nos amigos”

Te puede interesar