Milladoiro | “Hai 45 anos, a música tradicional galega estaba en serio perigo, había que dignificala”

Celebran o 45 aniversario do seu primeiro concerto, que deron nun mes de maio de 1979 nos Salesianos da Coruña. Os “aplausos” e as “vibracións” do público naquela primeira actuación foron clave para que Milladoiro perdure até hoxe
Milladoiro | “Hai 45 anos, a música tradicional galega estaba en serio perigo, había que dignificala”
Unha actuación de Milladoiro | Andrés Rey

Milladoiro celebra os seus 45 anos de vida. 45 anos de traballo a prol da música galega. 45 anos que deron comezo nestas mesmas datas de maio, nesta mesma cidade da Coruña, cun concerto nos Salesianos. Agora, 45 anos máis tarde, festexan aquel momento cun concerto especial no Palacio da Ópera, o vindeiro domingo 19 de maio (19.30 horas).
 

É un dos seus integrantes, Pepe Ferreirós, quen resume o que se poderá esperar o público este domingo. “Milladoiro en estado puro”, comenta entre risos. I é que nesta lembranza daquel concerto nos Salesianos, revisarán a parte máis coñecida do seu repertorio, pero tamén “faremos algunhas concesións á galería”. Pero o principal é a lembranza dunha data que teñen marcada como o inicio deste amplo periplo: “Hai 45 anos, no colexio dos Salesianos, tivo lugar un acto que, porque centos de coruñeses se achegaron e respaldaron cos seus aplausos e vibracións esa nova proposta, fixo que o resultado é que agora estemos aquí, se non houbese pasado aquelo, vexo complicado que estivesemos a falar agora”, apunta.


Aquel concerto nos Salesianos tiña ligada moita inquedanza. “A nós ilusionábanos moito o que estabamos a facer, pero non sabiamos que repercusión podería ter no público”. A época non era a mellor para a música tradicional galega, “non estaba ben vista, estaba deixada un pouco”, defendida por eses gaiteiros ou pandereteiras “que se perdían nas súas bisbarras”. Pero a inquedanza mudou en sorpresa: “Foi como se a xente estuvera esperando algo parecido, a resposta, o entusiasmo fixéronos ver que estabamos na senda correcta”, lembra Ferreirós daquel concerto.

 

Domingo

Pero preparar un concerto coma este non é sinxelo. Ferreirós aclara cun sorriso que non farán un percorrido por todos os discos, “porque non sairíamos de aí”. Pero sí que abordarán “o corpus” do grupo, ao tempo que rescatarán e revisitarán algúns temas emblemáticos que se foron perdendo no mar do tempo. Será un repertorio “que toque, digamos, os puntos máis importantes do que foi o acontecer e o traballo do grupo nestes 45 anos”.

 

A formación recibiu nestas catro décadas multitude de recoñecementos, como a Medalla de Ouro de Galicia. “Nunca os buscamos, pero sempre os agradecemos”
 

Boa parte dese traballo foi o de recuperar e reivindicar a música tradicional galega, atopar a súa beleza e pórlle música ao país. Se o conseguiron ou non, di Ferreirós, debe dicilo o público. O que sí ten claro é que nos primeiros anos, foron moi reivindicativos, porque “a música tradicional estaba en serio peligro de desaparecer”, había “que dignificala e poñela no sitio que debía estar”.
 

Foi xa nun periodo más cercano, cando a situación cambiou e, dalgún xeito, tocou a parte de “desfrutar” máis. “Estamos moi orgullosos do papel que nos tocou facer, si miramos 45 anos atrás e vemos a situación na que estaba a música tradicional galega e miramos hoxe en día, evidentemente que nos podemos alegrar, está moitísimo mellor”.
 

Ferreirós ten claro que as novas xeracións teñen interese, “pensan que é un legado a manter para as futuras xeracións”. I esas novas xeracións aparecen tamén nos seus concertos, como fillos ou netos daqueles primeiros que viron a Milladoiro nos Salesianos. Esto fai que o repertorio que se vai recuperando, os primeiros traballos, pareza novo, porque “daquela non naceran”, dándolle un novo matiz aos concertos.
 

E estes 45 anos serviron, sen buscalo, para recibir multitude de recoñecementos, desde un Goya, ata as medallas Castelao ou de Ouro. “Estamos enormemente agradecidos á sociedade galega”, di Ferreirós, que non só lembra os recoñecementos “máis grandes”, senón tamén aqueles con menos sona, os primeiros, como aquel Pedrón de Ouro que tanto lles soprendeu nos seus primeiros anos: “Nunca os buscamos, pero sempre os agradecemos desde o máis fondo do corazón”.


Tras o domingo, “toca seguir desfrutando como levamos facendo 45 anos, seguir na carretera e facendo música galega mentres o tempo nos deixe”, conclúe Ferreirós entre risos. 

Milladoiro | “Hai 45 anos, a música tradicional galega estaba en serio perigo, había que dignificala”

Te puede interesar