Mónica Díaz | “Esperamos superar todas as previsións na Festa da Fresa deste ano”

Mónica Díaz | “Esperamos superar todas as previsións na Festa da Fresa deste ano”
Mónica Díaz, co parque de Eirís de fondo | Quintana

Eirís vive hoxe un dos días máis esperados por parte dos veciños do barrio. A Festa da Fresa regresa con horario ampliado e eventos xa pola mañá, incluída unha sesión vermú con Aixa Romay. Haberá actividades para os máis pequenos e a traca final chegará pola noite coa Orquesta New York. Con todo, Mónica Díaz (A Coruña, 1974), presidenta da asociación de veciños Uxío Carré destaca o prato forte do día, que obviamente é a degustación das fresas, que terá lugar ás 19.00 horas. Díaz móstrase optimista e cre que se poden superar “todas as previsións”.

 

Que destacaría do cartel deste ano da Festa de Fresa? 
Haberá máis actividades que nunca. Moita xente nos dicía que unha tarde non chegaba e non era suficiente para este evento, así que este ano teremos actividades xa desde a mañá. Haberá hinchables para os máis pequenos e festa da espuma, ademáis da sesión vermú, polo que serán moitas horas de festa.


Cal é a orixe desta festa? 
Eirís, tradicionalmente, era o lugar no que plantaban as fresas que despois se consumían en toda a cidade. De feito, onde agora está a zona de Xuxán, pasaba un río e había un microclima que provocaba que as fresas se empezasen a dar moi cedo e durasen bastante tempo. Ademais, eran moi boas. Facíase sempre naquela época unha feira para mostrar o produto, e esta festa é unha homenaxe a aquilo.

 

Hai algún cambio que destacar con respecto a outras edicións? 
Sí. Este ano modificamos o horario das visitas guiadas ás hortas urbanas. En anos anteriores, case coincidía coa propia celebración da Festa da fresa. Aínda que as hortas están moi cerca do lugar no que se celebra a festa, non é sinxelo chegar, e asi a xente pode acudir a ambas cousas sen ir co tempo xusto.


Este ano non se celebra o habitual partido de fútbol. A que se debe? 
É por as obras no campo de fútbol. Pero, no seu lugar, faremos un torneo de dar toques de balón, que permite a todo o mundo participar.

 

Canta xente esperan que acuda? 
O ano pasado, a afluencia despois da pandemia foi masiva, e nesta edición esperamos superar todas as previsións. Ademais, o tempo vai axudar, e pensamos que iso vai axudar a que haxa unha gran afluencia.

 

Temen que o bo tempo faga que haxa xente que opte por acudir ás praias? 
Ao contrario. Aínda que a xente acuda á praia, hai que ter en conta que temos un horario que fai posible que se compatibilice todo. Incluso, poden vir ás actividades pola mañá, acudir a primeira hora da tarde á praia e aínda lles da tempo a chegar. 

Mónica Díaz | “Esperamos superar todas as previsións na Festa da Fresa deste ano”

Te puede interesar