Na antítese da morriña, sempre nos quedará o bravú

A Deputación da Coruña levará por 25 concellos da provincia o documental de Nós Televisión sobre o 30 aniversario do movemento musical que marcou época e que deixou unha fonda pegada na escena musical que aínda resoa nas novas xeracións
Na antítese da morriña, sempre nos quedará o bravú
Natividade González, Ana Viqueira y Xurxo Souto, na Deputación | Carlota Blanco

Lembraba Xurxo Souto, unha das almas máter do que hai trinta anos se denominou rock bravú, as palabras que un día deixaba escritas Miguel Anxo Murado: “Na antítese da morriña está o bravú”. Lembrábaas na sede da Deputación da Coruña, con motivo da iniciativa coa que o Goberno provincial levará o documental ‘Bravú XXX’ a 25 concellos da provincia durante o mes de novembro. 
 

A peza documental é unha obra de Nós Televisión, que repasa a historia do bravú e como o seu espírito sigue presente “a día de hoxe”, tal e como apuntaba a representante do medio e produtora do documental Ana Viqueira, lembrando que esa pegada segue presente en proxectos actuais como Mondra ou Tanxugueiras. “Aí cheira a bravú”, aseguraba. Tamén lembraba esa fonda pegada a deputada de Cultura, Natividade González: “os grandes músicos do país seguen bebendo deste movemento”.
 

Souto, pola súa parte, afirmaba que “é unha película fermosísima”. E explicaba tamén que nesta creación se poderá ver o proceso “de cómo parte dunha idea do bravú e como se descubren outras cousas, que o bravú é máis que a imaxe estereotipada que temos agora mesmo”.
 

“Dicían que o galego non valía para o rock and roll”, lembraba Souto, que engadía que “salían grupos por todo o país, pero non nos coñecíamos entre nós”. O cambio comezou naquela “aldea de Viana” onde “decidimos crear un movemento”, algo “subversivo”. Deste xeito, acabaron incidindo “dende abaixo na cultura”.
 

“Tivemos un apoio fundamental dos medios de comunicación públicos”, aseguraba en lembranza do Xabarín. “Agora vén esa nova fornada que non precisa deses medios”, dixo, ao tempo que puxo de relevancia o “discurso de modernidade e diversidade” desas novas xeracións de artistas e grupos.
 

Datas na Coruña e Betanzos

Nas comarcas de A Coruña e Betanzos, a primeira oportunidade de ver ‘Bravú XXX’ será o 8 de novembro no edificio de servicios múltiples de O Burgo. Ese mesmo día, proxectarase na capela de San Roque de Sada. O 9 de novembro poderá verse no auditorio do centro social da Rúa, en Miño


O 14 de novembro emitirase na casa da cultura de Carral. O día 16, verase no cine Alfonsetti de Betanzos. A partires de decembro, Nós Televisión publicarao en aberto para que toda a poboación poda ver o documental nas súas casas. 

Na antítese da morriña, sempre nos quedará o bravú

Te puede interesar