A líder nacional do BNG, Ana Pontón, defendeu que as universidades galegas precisan un aumento do financiamento para facer fronte ás problemáticas ás que se enfrontan na actualidade.
Pontón Explicou as iniciativas do seu partido trala súa reunión este martes co reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, ao que a líder nacionalista agradeceu o intercambio de opinións respecto á situación que afronta o sistema universitario, así como as súas demandas e retos.
“No BNG estamos convencidos de que a aposta polo coñecemento e a innovación é unha das claves sobre as que temos que traballar para poder facer un futuro mellor para todos os galegos e é a universidadee unha peza clave nese camiño, polo que imos seguir traballando para reforzar e mellorar o seu papel na formación e tamén no desenvolvemento económico e cultural do noso país”, sinalou.
Para os nacionalistas a primeira cuestión clave para acadar este obxectivo pasa por negociar para mellorar o plan que remata no 2026 e que “é insuficiente para facerlle fronte aos retos que teñen as universidades galegas”, explicou Pontón.
Para ela, o horizonte é claro, “que Galicia sexa o lugar do Estado onde máis invirtamos en universidades, conseguindo que no ano 2030 poidamos destinar o 1,5% do PIB galego a elas”, explicou. Isto suporía investir, neste momento, 1.000 millóns de euros. Neste senso, salientou que os países máis desenvolvidos de Europa xa se moven nesa porcentaxe.
Este incremento do financiamento permitiría tamén facer fronte a outra das principais problemáticas dos sistema universitario galego: a renovación do corpo docente que é, engadiu Pontón, “o segundo máis envellecido de todas as comunidades”. Esta renovación crea, segundo a líder do BNG, unha oportunidade para que persoal moi formado que está fóra de Galicia “poida ter unha oportunidade de retorno”.
A segunda cuestión que prioriza o BNG na mellora do sistema universitario galego é ampliar as competencias galegas nese ámbito, concretamente en dous aspectos: a xestión das bolsas de estudo e a homologación de títulos estranxeiros.
A competencia sobre as bolsas permitirías, segundo Pontón, “adaptar os criterios á realidade galega” e no referente á homologación de títulos sería “unha forma de axilizar a convalidación”, un aspecto que xera colapso a nivel ministerial.
Outro tema abordado na xuntanza entre Pontón e Cao foi o acceso á vivenda para o estudantado, “máximo nunha cidade como A Coruña onde nos últimos anos os alugueres subiron un 60%” e onde “a Xunta non ten ningunha praza pública de residencia universitaria”, dixo.
O BNG propón poñer en marcha unha bolsa de alugueiro de pisos destinados ao estudantado e que a Xunta faga vivenda pública de aluguer. A este respecto, Pontón subliñou que, de feito, “hai parcelas no entorno do campus que a Xunta podería utilizar para suplir esa deficiencia”.