O vindeiro domingo, Xacarandaina dispón sobre o Coliseum o espectáculo ‘Endaterra’, que dirixe Quique Peón. É un espectáculo “emocionante” centrado na tradición e no acervo cultural do Camiño Inglés, “quizais o menos coñecido” e, precisamente, nas portas da ruta, na Igrexa de Santiago, presentou onte ‘Endaterra’ xunto a Lucía Veiga, que forma parte do elenco.
“Xa fixera un espctáculo sobre o Camiño do Sul, haberá 20 anos, e me quedara moi bo sabor de boca porque se fixo traballo de investigación moi bo”, comenta Peón e, con ese bo sabor de boca, e co gallo do Xacobeo, retomou a idea por unha das rutas menos coñecidas. A parte emocionante non o é só para os membros de Xacarandaina, senón que para o público tamén o está a ser. “Houbo unha persona que me dixo: ‘reencontreime cunha parte de Galicia que tiña apartada, que tiña un perxuizo cara ela’”, comenta e engade outras anécdotas das anteriores oito funcións: “houbo alcaldes que estiveron chorando da emoción que tiñan”.
Unha parte importante da actividade de Xacarandaina, e doutras asociacións culturais similares de todo o país, é a investigación e as recollas da tradición galega por todo o territorio. Para esta ocasión “o gordo xa estaba feito”, subliña Peón, que explica que nestes últimos tres anos de traballo “quedaban algunhas cousiñas, pero moito menos” porque “case todos os informantes desapareceron”.
Para que a tradición non desapareza “hai que facer moitas cousas”, di Peón cun sorriso. O primeiro de todo, poñer en común o traballo de recompilación feito por múltiples suxeitos nos últimos 30 ou 40 anos. “Ten que poñerse nun espazo común, crear un arquivo de Galicia das recollidas”, afirma, e non só apunta cara as recollidas, senón tamén para o labor de entes como os coros históricos de Galicia, “que levan máis de 100 anos enriba das táboas”. Peón ve preciso crear, como xa xe fixo noutros países de Europa e Sudamérica, un Instituto do Folclore Galego, “para salvagardar, divulgar i ensinar”.
Pero son precisos máis pasos para salvagardar o noso patrimonio, como “declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o baile e a música tradicional, facer a muiñeira Patrimonio da Humanidade”. Engade que “non son cousas difíciles” de facer, pero ás que hai que adicar tempo.
Outra das cousas que cree necesario é levar o baile tradicional ás escolas, facer actividades anuais para que os máis pequenos descubran o patrimonio cultural galego. “Hai que crear interese”, asegura Peón, que chama a atención sobre anécdotas coma que un neno aprenda a tocar a frauta doce con ‘Titanic’, “cómo o primeiro tema é o ‘Titanic’ en lugar da ‘Muiñeira de Lugo’?” cuestiónase cun sorriso.
O domingo ás 21.00 horas, 80 artistas da asociación representarán ‘Endaterra’, no que será o regreso de Xacarandaina ao Coliseum, recinto do que participou na súa inauguración hai 30 anos.
Peón destacaba tamén onte sobre o elenco que, pese a que a maioría non é profesional, o “nivel de talento” desborda polo escenario.