“Estou moi interesada na conexión entre palabras na miña lingua, o irlandés, e o galego. Comparo as palabras, non sei se están conectadas pero desde logo hai conexión histórica e arqueolóxica entre ambas culturas”. A poeta irlandesa Dairena Ní Chinnéide falaba onte así desde a Residencia Literaria 1863 de Rego de Auga, onde vive este mes dentro do programa internacional da Xunta para divulgar o papel dos autores galegos no exterior e que lle está servindo para “escribir, traballar e pensar” todo o tempo.
Non é a súa primeira vez na Coruña, xa que hai vinte anos rodou un documental sobre a pesca. “Encántame esta residencia, é preciosa e estou escribindo moito. Nestes días visitei Vigo, Santiago e tamén León”, comenta Dairena Ní Chinnéide, quen xa compuxo “20 haikus e cinco poemas” desde que chegou a Galicia. Aínda que non coñecía aos autores galegos, a “axuda imprescindible” de Yolanda Castaño –impulsora destas residencias– di que foi “moi inspiradora”.
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e Castaño visitaron onte á autora , recente gañadora do programa de intercambio poético. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a capacidade desta iniciativa “para internacionalizar e divulgar o papel da literatura galega no exterior a través dunha fórmula que nas súas tres edicións está a constatar o interese por parte de escritores de distintas partes do mundo pola nosa literatura, axudando a reforzar o seu papel no exterior”.
Lorenzo gabou a traxectoria da autora irlandesa, “poeta bilingüe que recibiu numerosos recoñecementos pola súa escrita, incluídas as bolsas de literatura en lingua irlandesa do Consello das Artes de Irlanda, Ealaín na Gaeltachta, a bolsa covid do Centro de Literatura Munster e tamén unha bolsa Patrick e Katherine Kavanagh”.
Por outra parte, o autor galego que se atopa de intercambio é Xavier Queipo, que está no Centro Tyrone Guthrie de Annaghmakerrig, situado no campestre contorno de Newblis do Condado de Monaghan, Irlanda. “Trátase da que fora casa familiar do director teatral Sir Tyrone Guthrie e que se emprega como retiro artístico e como lugar aberto a profesionais en todas as formas da arte”, comentaron desde o Goberno autonómico.