Sobre as táboas do teatro Rosalía de Castro representarase hoxe e mañá (20.30 horas) ‘Hamelin’, unha versión áspera do conto, que busca que o público reflexiona sobre os abusos a menores. O texto orixinal é do premiado dramaturgo Juan Mayorga, adaptado nesta ocasión por Redrum Teatro. O seu director, Álex Sampayo, asegura que o público verá un “espectáculo que lle vai transmitir moitas máis preguntas que respostas”, co obxectivo de crear un debate, “porque co que te quedes ti non ten nada que ver co que se queda a persona que vai contigo, por exemplo”, subliña.
O importante deste ‘Hamelin’ é que é “un espectáculo onde o que non se di é casi máis importante que o que se di”. Deste xeito, a peza, pese á redundancia, “é moi teatral”, porque todos os seus elementos, “como a luz, a escenografía ou a falta dela, a música, os silencios, os intérpretes... teñen todo o peso da historia”, explica Sampayo.
A peza está baseada en “varias historias reais de casos reais de abusos a menores”. Trátase dun tema espiñento, mais necesario de tratar. Fíxoo Animalario coa súa versión do 2006 e agora é o turno de Redrum. “Está inspirado nun caso real do ano 97, pero hoxe en día siguen existindo este tipo de casos”, lamenta o director. Sampayo sinala tamén que “é importante explicar que non é só un espectáculo sobre a pederastia, senón sobre todos os abusos a menores”. Porque “tamén o son a desprotección, a falta de coidados, incluso o tratar de sobreprotexer”, aspecto que se trata neste ‘Hamelin’, no que tamén se reflexiona sobre como mentres se levan a cabo investigacións, os menores implicados son afastados das súas familias, “no caso real, este rapaz estivo dous anos privado de estar coa súa propia familia ata que se solucionou o caso”, comenta Sampayo, que engade tamén que nalgunhas ocasións, as institucións “polo seu afán de protexer, tamén desprotexen, sobre todo por toda a burocracia que levan consigo todos estes procesos”.
A de Redrum, é a primeira adaptación deste texto de Mayorga en máis de dez anos. A intención, indica Sampayo, é saír de Galicia para xirar polo resto de España con ‘Hamelin’.
O texto orixinal propón “que non teña escenografía, iluminación, vestiario... un espectáculo nu, pero iso, a verdade, é que non se pode facer”. Co paso dos anos, a tecnoloxía cambiou e permite innovacións sobre as táboas que marcan diferenzas. Así explica o director algunha das súas propostas diferenciadoras sobre as anteriores no tocante á escenografía. Os actores son os que cambian a iluminación co paso das escenas, “a través de aparellos inalámbricos cos que moven a iluminación, cunha coreografía moi estudada e natural”. Tamén levan música en directo, “todo o que o espectador ve, está pasando aí, en directo”, conclúe.