O Grupo de Baile e Gaitas Santaia pon en escea ‘A muller de Boisaca’

O Grupo de Baile e Gaitas Santaia pon en escea ‘A muller de Boisaca’
Grupo de gaitas y baile Santaia

A gradas da pista de Meixonfrío, na localidade oleirense de Santa Cruz, quedaron pequenas o sábado para acoller ao público que se achegou a coñecer “A Muller de Boisaca”, o novo espectáculo etnográfico do Grupo de Baile e Gaitas Santaia, que nesta ocasión contou coa colaboración da Coral Lembranzas de Santa Cruz e dos actores Kike Vales e Paula Suárez.

 

RLX02610


Segundo o director artístico de “A Muller de Boisaca”, José Luis Vázquez Rosales, “sen o compromiso coa cultura, tradición, historia e identidade galegas, sería impensable levar a cabo este espectáculo etnográfico, onde Santaia pretende chegar ao público dun xeito máis sensible e pasional, de forma que todo o presente poida sentirse partícipe da nosa cultura, tradición e costumes, viaxando no tempo para coñecer de primeira man como vivían os nosos maiores”.


Cun misterio por resolver como telón de fondo, a agrupación fixo un repaso  do folclore galego e da evolución da súa manifestación popular ao longo dos tempos. O punto de partida é un accidente de tren no que non se atopa o corpo da vítima, senón unha maleta con diñeiro de distintas épocas que guían a investigación ata catro momentos da historia: un serán do século XIX, un acto de inauguración de Santaia en 1982, un espectáculo anterior de Santaia, no ano 2017, para finalizar cunha foliada distópica no 2041.

 

RLX02548


Ao longo de todo o espectáculo, máis de 75 integrantes de Santaia, ademais da coral e os actores percorreron o folclore de Galicia, cunha posta en escena alegre, dinámica e colorida, que non deixou indiferente ao público asistente.

 

RLX02539


“A muller de Boisaca” é froito do traballo de todo un ano, da man dos mestres de  cada unha das seccións de Santaia: Alexandre Ruíz, Pablo Lorenzo e Jaime Faraldo, en Gaita; Alexandre Ruíz e Pablo Alonso en Percusión; Mar Cancela, Antía Vázquez e Raquel Ríos  en Canto e pandeireta; e Jose Luis Vázquez, Antía Vázquez e Raquel Ríos en Baile.


Como vén sendo habitual, a celebración contou, ademais, coa colaboración do Concello de Oleiros e da Deputación da Coruña.


Vindeiras actuacións

Este espectáculo constitúe o punto de partida para un verán intenso, con actuacións previstas, de momento, en Teo (13 de xullo); Póvoa de Varzim – Portugal (20 de xullo), Santa Cruz (27 de xullo), e en Liáns-Oleiros (25 de agosto), para a celebración do Ramo, nas festas da localidade.

O Grupo de Baile e Gaitas Santaia pon en escea ‘A muller de Boisaca’

Te puede interesar