Melchor, Gaspar e Baltasar comendo Tortilla de Betanzos. Esta foi a proposta de Julia Álvarez Ríos, estudante de 6º de Primaria do Colexio Nosa Señora do Carme, da Grande Obra de Atocha, gañadora do Concurso de Carteis de Nadal Concello de Betanzos 2022.
O seu debuxo, no que recolle unha imaxe dos Reis Magos comendo a “mellor tortilla do mundo” -a de Betanzos- e bebendo Branco Lexítimo, da Indicación Xeográfica Protexida Viño da Terra de Betanzos, ilustrará a axenda de actividades de Nadal do municipio e, ademais, recibirá como agasallo material didáctico.
Os accésit foron para os carteis realizados por Sofía Portela Cagiao, de 5º de Primaria do CEIP Francisco Vales Villamarín; por Marisol Fontao Alonso, alumna do Centro Pai Menni, e por Rayane Er R.B., estudante da Escola Municipal Infantil Santiago de la Fuente García.