O Concello desvelou onte os detalles da sexta edición dos Premios Santiago Deporte, unha iniciativa que nace co obxectivo de poñer en valor o talento compostelán nunha ampla selección de disciplinas.
Concretamente, a cerimonia terá lugar o vindeiro luns 18 de marzo no Auditorio de Galicia, aínda que xa se coñecen as persoas, entidades, centros educativos e empresas que serán recoñecidas publicamente.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, explicou en rolda de prensa que ademais da homenaxe que supón a celebración do acto, os gañadores recibirán un diploma acreditativo e unha medalla personalizada. En principio, non haberá premio económico.
Todo isto coa fin de agradecerlles o fomento da práctica de actividade física entre a veciñanza de Santiago de Compostela.
En categoría absoluta, os profesionais recoñecidos serán o piloto de rally Luis Penido e a ciclista Iria Nieto.
En deporte base, os galardóns irán para o triatleta Lucas García Picón e para a competidora de mushing e montañismo, Julia Salvado Diéguez.
A entidade deportiva máis destacada será o Club Natación Cidade de Santiago. De igual xeito, institución educativa valorada no evento será Aspanaes. A Joyería Jael tamén será premiada polos seus labores de patrocinio.
En canto a adestradores, os gañadores serán Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez, asistentes de Moncho Fernández no Obradoiro CAB. Así mesmo, a xornada porá o foco no traballo de Chus Blanco como árbitra de baloncesto.
Finalmente, o premio honorífico desta edición será para a longa e exitosa traxectoria do xogardor de squash Borja Golán.
Ademais, haberá unha mención especial para Protección Civil polas súas funcións nos eventos deportivos da cidade.