A USC impúxose no Campionato Galego Universitario de Orientación que tivo lugar esta fin de semana na Coruña. A Universidade de Santiago de Compostela acadou un total de 479 puntos, fronte aos 441 da UDC e aos 379 da UVigo.
Na modalidade feminina, Sofía Martínez e Julia Fuertes lograron quedar entre as tres primeiras, concretamente nos postos segundo e terceiro, respectivamente. A clasificación da USC completárona Concepción González (5ª), Nerea Oujo (7ª), Noelia Miranda (10º), M. Margarita Balboa (11ª), Carlota García (12ª), Laura Rodríguez (13ª), Sara Falcón (14ª), Marta Blanco (15ª), Carolina Serantes (16ª), María Maneiro (17ª) e Naira Fernández (18ª). Na modalidade masculina, a relación de postos quedou do seguinte xeito: Diego Pérez (3º), Pablo Fernández (4º), Pelayo García (5º), Xián Novoa (6º), Eugenio Anselmo Rodríguez (15º), Óscar Victorero (17º) e Emilio José Lence (19º).
O trazado introduciuse polo Campus de Elviña e o Castro de Elviña nunha carreira con diferentes características do terreo e con dúas zonas ben diferenciadas: unha zona de monte con desnivel moderado e outra parte mais rápida urbana e semiurbana con pouco desnivel.
No Campionato de España Universitario de Campo a través que se desenvolveu esta fin de semana en Albacete, a USC logrou situarse na oitava posición de entre un total de 25 universidades participantes. Na clasificación individual, Hugo García Souto acadou o posto 18, mentres que Yago Ignacio García Sainz quedou no chanzo 34 e Antón Gómez López no 39.