Touriñán: “A implicación veciñal no Castelo Conta é algo incrible”

Touriñán: “A implicación veciñal no Castelo Conta é algo incrible”
O actor Xosé Touriñán coa xornalista Marga Pazos nunha xornada de Contos de Castelo | AIGI BOGA

A parroquia de Castelo, a rentes do monte Xalo, vive estes días un ‘abarrote’ constante. Concertos, teatro, contacontos, monólogos, actividades infantís e iniciativas de coidado do medio ambiente son os ingredientes do festival Castelo Conta, promovido polo actor Xosé Antonio Touriñán, quen se amosa moi satisfeito pola resposta do público: “Chegamos ao límite, non hai moita máis marxe para medrar”.


Touriñán, con orixes na localidade, leva anos á fronte dunha proposta cultural “completamente distinta”, explica, na que o máis importante é a implicación veciñal: “É algo incrible a de xente que colabora, desde os que poñen os medios ata os que preguntan como poden axudar ou as empresas que nos apoian. Así é unha marabilla montar isto”.


Castelo Conta son valores. É a defensa do galego, o respecto ao rural e aos maiores, a solidariedade, o bo humor e a difusión da cultura. “Hoxe os rapaces aprenderon a enxertar un limoeiro. Temos a obriga de ensinar ás novas xeracións que hai algo máis que as tablets”, di o actor, quen engade que “aos veciños véselles na cara que senten orgullo do lugar onde viven”.


Tras as actuacións de Xabier Díaz ou Susana Seivane, a estrea da curta ‘Nena’ ou o espectáculo ‘Corentena’ –de ‘Touri’ e David Perdomo–, entre outros, hoxe será o turno de A Gramola Gominola, o Xantar dos Miúdos e Muchachito One Man Band, Lamatumbá e Xoel López con Combo Viramundo. Mañá será ‘o día grande’ coa habitual andaina e noite de monólogos, e o domingo o fin de festa coa romaría do San Ramón. 

Touriñán: “A implicación veciñal no Castelo Conta é algo incrible”

Te puede interesar