Xoán Eiriz vén de publicar un novo traballo, “Amada Rosalía”, un “disco de tres”, tal e como explica o cantante coruñés, porque él pon a voz, o poeta Suso Díaz puxo as letras cos seus poemarios e Nacho Varela puxo a música.
Rosalía de Castro sempre estivo presente na música que interpretou Eiriz, pero este era un proxecto diferente, un disco que xurdía dun novo foco de amor cara a Rosalía.
“Suso Díaz fixo algo que me animou moito, escribiu un poemario en homenaxe a Rosalía, de 85 poemas”, explica Eiriz, que lembra que xa no pasado grandes nomes como Curros Enríquez, Pimentel ou Lorca lle adicaran verbas á poeta máis universal da nosa terra. “Tantos e tantos lle escribiron, incluso noutras falas, pero este proxecto pareceume de moita orixinalidade”, indica.
O motivo, era que Díaz parte dun verso da propia Rosalía para continuar coa súa creación. Tal é o caso das cancións deste traballo discográfico, como “Canta meniña” ou “O triste son da campana”, que non só dan comezo ás creacións poéticas de Díaz, senón que dan nome tamén ás propias cancións que logo interpretou Eiriz.
Cancións baseadas en Rosalía hai moitas, e moitas xa as ten interpretado Eiriz no pasado. Pero foi a orixinalidade do proxecto de Díaz, esas novas creacións a partires dun único verso da poeta o que espertou o interese do cantante.
O que pretendían ambos era buscar unha nova concepción de Rosalía, “porque parece que a imaxe que temos dela é a dunha muller moi triste, moi melancólica... e Suso foi o que me dicía que eso non era certo, que en realidade era moi simpática, algo que tamén se vía nos seus poemas”, conta.
Neste senso, tamén quixeron cambiar a imaxe “estereotipada” que atopaban dela ao buscar un retrato co que ilustrar a capa do disco. Deste xeito, atoparon unha pintura de Modesto Brocos, contemporáneo de Rosalía. “Segundo me explicaron os que saben, é unha das pinturas máis orixinais e que máis se aproxima ao que era Rosalía de Castro”, explica Eiriz.
Para a sonoridade do disco, explica o cantante que beberon moito da música pop e doutros xéneros como o blues ou o jazz, pero cun detalle para non perder a raíz galega, sobre todo ao interpretar unha homenaxe a Rosalía, e ese detalle foi a inclusión de reminiscencias sonoras da tradición galega e celta, para completar o amplo universo sonoro que dispuxeron.
Deste xeito, deron forma a este disco, composto por catro cancións (“Ai Rosiña”, “O triste son da campana”, “Como chove miudiño” e “Canta meniña”), que agardan poder presentar en sociedade nas vindeiras semanas, para logo levalas por Galicia adiante.