López Campos destaca o compromiso da Xunta coa mellora das dotacións culturais no rural galego

López Campos destaca o compromiso da Xunta coa mellora das dotacións culturais no rural galego
López Campos visitou o fin das obras no Museo do Traxe Juan José Liñares de Ordes

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Museo do Traxe Juan José Liñares no municipio coruñés de Ordes, tras rematar as obras de substitución da cuberta destas instalacións ás que a Xunta destinou máis de 100.000€, o total do custo das obras, ao abeiro dun convenio de colaboración entre o Goberno galego e o Concello de Ordes. Trátase ademais dunha actuación enmarcada, tal e como salientou, “dentro do compromiso do Goberno galego coa mellora das dotacións culturais do noso rural, a través de convenios cos municipios”.

 

Thumbnail IMG 8998

 

Na súa visita, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, o responsable autonómico de Cultura incidiu en que esta achega encádrase dentro das actuacións da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, aprobada este mes de novembro, e que “facilita a actividade cultural ao alcance de todos os galegos e galegas, sexa cal sexa o seu lugar de residencia”. Ao respecto, destacou o “papel fundamental” que desenvolven nos pequenos concellos estes equipamentos para ofertarlle programación cultural a súa veciñanza.

 

López Campos erixiu como “esencial” dotar a Galicia das mellores infraestruturas “co obxecto de poder desenvolver unha programación e unha oferta de calidade”. Neste senso, puxo en valor que esta é a estratexia do Goberno galego para todo o territorio. En concreto, referiuse á posta en marcha de proxectos como o Teatro Fraga de Vigo, que procura ser un referente en toda Comunidade, e a outras iniciativas polos concellos que “contribúen a mellorar as opcións e oportunidades culturais da poboación que vive en núcleos máis pequenos”. Todo isto vai na liña, lembrou, “co plan para modernizar as infraestruturas culturais no que xa estamos traballando”.

 

Precisamente, o Museo do Traxe Juan José Liñares posúe unha mostra composta por unha colección de máis de 1.000 traxes doados por Juanjo Linares á Fundación que leva o seu nome, quen a súa vez os cedeu ao Concello de Ordes para a súa exposición nun edificio de propiedade municipal.


O edificio consta de tres plantas con salón de actos, biblioteca, sala de lectura, almacén, oficina de dirección e administración e dúas salas de exposición. Nel están expostas ao redor de 260 pezas —o resto está almacenado— con traxes tradicionais de todo o mundo, o que o distingue doutras mostras da mesma temática, nas que a maioría son da respectiva Comunidade autónoma. A colección abarca diversas épocas a partir do século XVI entre as que destacan pezas de gran valor.


O conselleiro enxalzou esta mostra do traxe como “a exposición máis representativa da comarca”. Neste senso, apuntou que son moitos os peregrinos que se desvían do camiño para visitala, así como as excursións que aproveitan que Ordes se atopa a medio camiño entre A Coruña e Santiago “para facer unha parada e coñecer de preto esta interesante mostra de traxes tradicionais de todo o mundo”, concluíu.

López Campos destaca o compromiso da Xunta coa mellora das dotacións culturais no rural galego

Te puede interesar