O xornalista Toni Silva resultou premiado na LXXXIII edición do Premio Alejandro Pérez Lugín que este ano tiña como lema “Crónicas desde o móbil: O Xornalismo do século XXI”.
O xurado composto pola directiva da Asociación da Prensa da Coruña, Eduardo Eiroa como representante do Concello da Coruña, e Xavier Lama, gañador da pasada edición, seleccionaron o traballo de Toni Silva de entre os 16 que se recibiron procedentes de diversos puntos da xeografía española.
Baixo o pseudónimo Aureliano de Beruete, o xornalista presentou o traballo “Crónica negra a mil pulsaciones”, un texto no que facía referencia á incidencia das novas tecnoloxías na evolución da transmisión de información e de búsqueda de datos. Este ano, a temática do premio xiraba en torno á invención do teléfono móbil, que en 2023 cumpre 50 anos e que tanto ten cambiado a maneira de traballar dos xornalistas nos últimos tempos.
Este ano o Premio Pérez Lugín alcanza a súa edición número 83. En 1936, a viúva do xenial escritor da Casa da Troya creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería concederse o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia enxalzando a mesma”. Pero non foi ata 1941 cando se creou o premio. Naquel ano o gañador, o primeiro da historia, foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) ou Ángel Padín (1999).
Nos últimos anos, os gañadores foron Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020), Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009) e Xavier Lama (2022). A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez Martínez (2007).