A Xunta convoca axudas de 200.000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a traducción literaria

A Xunta convoca axudas de 200.000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a traducción literaria

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acaba de publicar dúas novas convocatorias de axudas cun importante total de 200.000€ dirixidas ao sector editorial coas que a Xunta apoia e potencia os traballos de tradución, tanto en formato papel como en dixital, en 2025. Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia, a primeira das ordes inclúe unha achega de 150.000 euros a favorecer que obras publicadas orixinariamente noutros idiomas se editen en galego, en formato papel ou dixital, mentres que a outra destina 50.000 euros para que publicacións na nosa lingua se poidan ler noutras.

 

Ambas as dúas partidas do Goberno galego están dirixidas a persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e teñen como obxectivo apoialas para que conten con vías para proxectar internacionalmente a súa produción, ao tempo que se favorece que os galegos e galegas poidan acceder en lingua galega a títulos significativos producidos noutros idiomas.

 

Cómpre apuntar que o acceso ás dúas subvencións, que se poden solicitar desde mañá e ata o 14 de maio, é a través de concorrencia competitiva. Con estas convocatorias, a Xunta colabora en sufragar os custos de tradución de diferentes obras literarias, fixando en ambas ordes un importe máximo de 6.000 euros por publicación.

 

Estas axudas forman parte do compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas. De igual xeito, tamén se inxiren no obxectivo deste departamento de facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

 

Requisitos das axudas

Nas dúas ordes establécense os criterios e condicións para acceder a estas partidas. En concreto, advírtese que só se subvencionará unha tradución do mesmo título. En todo caso, no suposto de que haxa varias solicitudes para a mesma obra, determinarase a axuda segundo o baremo e só se lle outorgará á que obteña máis puntos. De darse a situación de empate, priorizarase a presentada en primeiro lugar. Ademais, ambas convocatorias tamén limitan a 15 obras o número máximo que cada empresa editorial poderá presentar para recibir calquera destas dúas axudas.

 

De igual forma, nos criterios fixados recóllese que unha obra pode ser obxecto destas subvencións cando se se trate dunha primeira tradución ou teñan pasado máis de 20 anos da última. Pola contra, non poderán ter axudas as publicacións que recibiran este apoio económico en convocatorias anteriores. Finalmente, entre os baremos de valoración para a concesión figuran o interese cultural da obra, en función de se o orixinal é dun autor galego ou non, a traxectoria profesional do tradutor, a extensión da tradución ou e se son obras dun autor clásico ou non, entre outras.

 

Débese salientar que para estas convocatorias de 2025 incorpórase na valoración de solicitudes un órgano colexiado, constituído por representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, da asociación de tradutores, da asociación de editores e por unha persoa experta sobre o sector do libro en galego.

A Xunta convoca axudas de 200.000 euros para apoiar as editoriais e potenciar a traducción literaria

Te puede interesar