O secretario xeral da Lingua, Valentín García, presentou hoxe a programación que a Xunta leva a cabo, en colaboración coa empresa galega láctea Feiraco, integrada na Cooperativa Rural Galega CLUN, para conmemorar as Letras Galegas e que, este ano, contará como novidade coa posta en marcha dunha academia virtual de música tradicional, ademais do xa tradicional Certame de Microrrelatos.
“Que a nosa lingua se manteña viva ten sido, en gran medida, pola contribución do noso folclore e das nosas cantareiras que nunca deixaron de amala e empregala”, valorou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude sobre este proxecto “tan axeitado no ano en que as Letras Galegas se lle dedican ás cantareiras e á poesía tradicional oral”.
Deste xeito, segundo avanzou, a partir de hoxe estará dispoñible na páxina web vivefeiraco.es clases e titorías impartidas polo grupo Xacarandaina de iniciación á pandeireta, sobre os pasos básicos da muiñeira e tamén sobre ritmo e o ton no folclore. Todos estes vídeos iranse compartindo nas redes sociais ao longo de todos este mes de abril co obxecto de difundir “entre as novas xeracións a riqueza deste valioso patrimonio inmaterial e facer medrar o amor e interese por elas e, consecuentemente, pola nosa fala entre mocidade”, salientou Valentín García.
Neste senso, o secretario xeral da Lingua tamén agradeceu a colaboración de entidades como Feiraco nesta iniciativa, salientando a importancia de actos coma este “para reivindicar o valor dos nosos cantos e músicas non só como material creativo e artístico, senón para fortalecer a nosa lingua, crear comunidade e fornecer a memoria compartida”.
De maneira paralela, estará activo o tradicional XIII Certame de Microrrelatos, que este ano propón ás persoas participantes achegar a figura das cantareiras e da poesía tradicional ás novas xeracións. Deste xeito, as narracións deberán estar inspiradas en Galicia e ter de protagonista unha cantareira ou pandeireteira.
O certame conta con dúas categorías: a xuvenil, dirixida a escolares a partir de 12 anos; e a adulta, para maiores de 18 anos. O prazo de recepción dos traballos en ambas as dúas modalidades estará aberto ata o 18 de maio.
O xurado do concurso, integrado por persoal da Secretaría Xeral da Lingua e da empresa láctea, valorará a orixinalidade, a creatividade, así como o coidado na redacción e o uso correcto da lingua galega. Unha pandeireta e unhas tarrañolas conmemorativas, xunto cun lote de produtos Feiraco, son os premios aos que optan.