Os dez padexeiros galegos de alto nivel (DGAN) desprazados Halifax (Canadá) veñen de acadar o mellor resultado histórico da nosa Comunixdade nuns Mundiais Sprint.
Os galegos sumaron catro medallas: 3 ouros e 1 prata; ademáis de 4 cuartos postos e 3 posicións de finalistas máis.
Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade acadaron a medalla de ouro no K4 500. O padexeiro de Betanzos repetiu acadando outro ouro no K1 200. O C4 500 masculino, con Pablo Graña, Manuel Fontán e Adrián Sieiro, tamén se proclamou campión do mundo. Pola súa banda, Teresa Portela e a asturiana Sara Ouzande, conseguiron a prata en K2 200.
Portela e Ouzande, acompañadas doutra galega, Carolina Otero, foron cuartas en K4 500. A mesma sorte correron Adrián Mosquera (Paracanoe VL3 200) e Noel Domínguez e Diego Domínguez (C2 1.000). A estes éxitos hai que sumarlles tres postos de finalistas máis: Pedro Vázquez (K2 1.000), Manuel Fontán (C1 200) e Pablo Crespo (C1 1.000).
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, manifestou a súa ledicia por “este impresionante resultado que amosa o grande potencial galego nos deportes náuticos en xeral e no piragüismo en particular”. Do mesmo xeito, sinalou “o excelente traballo que se está a facer na tecnificación”, xa que o 85% destes padexeiros adestran no Campo de Regatas de Verducido.
Calvo destacou o capital papel de Galicia no piragüismo nacional, xa que o 50% de metais de Halifax teñen acento galego, un dato que referenda que algúns dos equipos nacionais de canoa e kayak estean adestrando en Verducido.