Galicia afiánzase como unha comunidade exportadora

As exportacións galegas alcanzaron o máximo histórico en 2023
Galicia afiánzase como unha comunidade exportadora
Barco en punta Langosteira | EFE

Ademais de lograr o máximo histórico no valor das súas exportacións, Galicia conseguiu situarse na sexta posición das comunidades autónomas. O crecemento durante o 2023 foi lixeiro, un 0,60% con respecto ao 2022 , pero moi superior ao do resto de España que sofríu un descenso de 1,24%. O sector que máis achegou ao crecemento das exportacións foi o da automoción. É o sector con maior peso (un 29%) e o que rexistrou o maior incremento no 2023: un 22,4%, segundo o Foro Económico.


A concentración constitúe unha das principais características do comercio exterior galego: ao da automoción súmanse o téxtil e o da madeira,  cunha maior presenza no total español, pero tamén canto ós destinatarios, xa que máis do 70% das exportacións realízanse cara a países da Unión Europea. En concreto, Francia foi en 2023 o principal receptor dos produtos galegos, seguida de Portugal e de Italia. 


Perto do 40% das empresas galegas exportadoras realizan vendas anuais que superan os 50.000 €, pero só o 9,3% venden fóra produtos de alta intensidade tecnolóxica, o que supón un escaso 3,3% do total español canto a este tipo de empresas.


Estes son algúns dos principais datos que presenta o novo Baexga (Barómetro Exportador de Galicia) que a partir de agora terá un formato anual, cun diagnóstico polo miúdo da balanza comercial de Galicia e que estará dirixido, como ata o de agora, polos profesores de Economía da UDC e membros do Foro Económico de Galicia, Isabel Novo Cortí e José Manuel Sánchez Santos.


O novo formato do Baexga tamén analiza as exportacións de capitais. A principal conclusión neste ámbito é a elevada variabilidade; No ano 2022 superou os 2.300 millóns de euros. Con iso Galicia ocupa no periodo 2019-2023 a cuarta posición en investimento exterior na clasificación por comunidades autónomas, tras Madrid, País Vasco e Cataluña. 


O traballo dos profesores Cortí e Sánchez adica un apartado específico ao sector da madeira e ós seus derivados xa que, malia un parón na súa evolución no 2023 con respecto ao ano anterior, Galicia é a principal potencia exportadora no subsector da madeira e as súas manufacturas: en 2023 representou o 26,5% do total das exportaciones españolas do sector. So os taboeiros de fibra de madeira e de partículas representaron máis do 60% do valor das exportacións, na súa maioría con destino a Portugal, Reino Unido e Francia.


Tamén as vendas de mobles de madeira medraron un 14,6% o pasado 2023, dato moi superior ao 5,8% do conxunto español.  A maiores foi o único dos subsectores que rexistrou crecemento positivo ao longo deste ano.


As cifras de produción e emprego asociadas ao sector da madeira e derivados configúrano como un piar fundamental da economía galega. Con eses datos máis o desenvolvemento tecnolóxico que incorporan as empresas do sector -que lles permite competir no mercado global- os autores do estudo consideran que estamos diante dun sector cun presente sólido e un futuro prometedor.

 

Galicia afiánzase como unha comunidade exportadora

Te puede interesar