Allegue cre que o prezo da vivenda baixará “pouco a pouco” en Galicia

En 2026 a conselleira quere rematar 1.500 das 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas para o ano 2028
Allegue cre que o prezo da vivenda baixará “pouco a pouco” en Galicia
A conselleira de Vivenda xestualiza na súa explicación | Álvaro Ballesteros (Ep)

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, cre que o prezo da vivenda, tanto en aluguer como para compravenda, baixará “pouco a pouco” en Galicia coas medidas impulsadas pola Xunta, que se notarán, ao seu xuízo, a partir do verán de 2026.


É para entón para cando Allegue conta con que estean rematadas “polo menos” 1.500 das 4.000 vivendas de promoción pública comprometidas polo Goberno galego para esta lexislatura, de aquí a 2028. Esta e outras actuacións coas que o Executivo autonómico busca que haxa máis oferta de vivenda, por exemplo o desenvolvemento de chan residencial, notaranse “aos poucos”, destacou a conselleira.


O do prezo non é un problema “que poida liquidarse de hoxe para mañá”, recoñeceu, pero reivindicou estar a facer “moitas cousas”. “No momento en que haxa máis vivenda dispoñible, os prezos baixarán”, asegurou.

 

Interese por construír


Durante os mandatos de Alberto Núñez Feijóo “fíxose moito”, segundo a titular de Vivenda, aínda que admitiu que desde 2008, coa crise económica, “deixouse de construír vivenda, non só protexida, tamén libre”. Agora detecta “de novo ese interese pola construción de vivenda” e avoga por “aproveitar esta oportunidade”. 

 

Así, aínda que nega actuar en función dos ditados dos construtores, constata que son necesarios, porque “as vivendas non poden saír só das administracións públicas”. No que á Xunta respecta, compromete “polo menos” 1.500 novas vivendas de promoción pública terminadas o verán de 2026, das 4.000 prometidas en catro anos. 

 

“Logo é como todo. Depende dos tempos de demora da concesión de licenzas, da adxudicación, as vicisitudes que che atopes na construción da obra... O que si temos claro é que ao final da lexislatura, en 2028, temos que ter 8.000 vivendas de promoción pública”, resaltou.


Por outra banda, sacou peito por tomar “a iniciativa” para desenvolver chan residencial no que impulsar a promoción de vivenda, unhas 15.000 en sete zonas de Galicia que se construirán a partir de 2028, libres e protexidas.

 

Copiar á oposición


Ademais, Allegue reprochou á oposición que critique “todas as medidas” da Xunta neste campo e rexeita estar “a copiar” propostas de BNG e PSdeG. “Nada máis lonxe”, aseverou. A cualificación permanente e indefinida das vivendas de promoción pública é algo que pedían socialistas e nacionalistas, pero a dirixente indicou que “estiveron a gobernar catro anos co bipartito (2005-2009) e non fixeron nada”.


Por outra banda, Allegue amosouse “totalmente en contra da intervención dos prezos”, a Xunta móvese vía incentivo, a través de bonificacións fiscais como a que prevé aprobar para quen constrúan ou rehabiliten para alugar ou a que permitirá deducir 500 euros do IRPF a quen alugue por menos de 700 euros. Respecto diso, ratificou que está “descartadísimo” que o seu equipo propoña medidas que impoñan un máximo ao prezo do aluguer.


En canto aos beneficios fiscais para promotores, subliñou que “non se trata nin moitísimo menos de especular”. “Non entendo que especulación pode haber en pór vivendas baleiras en réxime de aluguer”, afirmou.


Outro ámbito no que “nin moitísimo menos” pensa actuar a consellería é no das vivendas de uso turístico, e apuntou ás competencias municipais. 

Allegue cre que o prezo da vivenda baixará “pouco a pouco” en Galicia

Te puede interesar