Galicia recibe o premio á "rexión emprendedora europea 2025"

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, recolleu hoxe en Bruxelas o premio a Galicia como Rexión Emprendedora Europea 2025, que recoñece a aposta da Xunta por desenvolver o potencial das nosas catro provincias a través de actividades empresariais que contribúan a fixar poboación. 


O acto celebrouse no marco da 161 sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións e alí o conselleiro destacou que se viu recoñecida a proposta O rural como espazo competitivo para emprender, que persegue visibilizar a Galicia non urbana como un territorio cheo de oportunidades, tanto para os residentes, como para os galegos retornados ou os moitos que elixen a nosa terra para establecerse. 

 
Durante a súa intervención, José González loou o empeño e a perseveranza dos “nosos emprendedores por xerar novas ideas que frutifiquen en negocios para que Galicia siga crecendo, evolucionando e prosperando”. Para acompañar ese progreso, fixo fincapé en que o Goberno galego leva anos impulsando medidas como a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, con 13 centros activos na actualidade que levan atendido máis de 2.000 iniciativas empresariais desde a súa posta en marcha hai case dous anos.


Así mesmo, mencionou outras iniciativas innovadoras de vertebración e cohesión do territorio nas que traballa o Goberno galego para fixar poboación no rural, atraer a traballadores de alta cualificación e impulsar novos negocios ligados ao territorio.


A Estratexia galega

Segundo resaltou o titular de Emprego, a Estratexia Galicia Rexión Emprendedora Europea 2025 enmárcase no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 da Xunta, que define unha folla de ruta específica para avanzar no reto demográfico, nunha Galicia verde e sustentable, na competitividade e o crecemento e na cohesión social e territorial. 


En concreto, coa proposta que hoxe se ve recoñecida perséguese unha maior equidade territorial, o aumento das persoas emprendedoras na Galicia non urbana, a diversificación das actividades económicas que se desenvolven nesa contorna e o fortalecemento da colaboración cos axentes públicos e privados. 


Por último, o conselleiro avogou por seguir traballando arreo para continuar sendo merecedores do recoñecemento como Rexión Emprendedora Europea 2025. Remarcando que é a primeira vez que Galicia é galardoada cun premio deste tipo, comprometeu o labor da Xunta para acompañar e apoiar “os nosos emprendedores e emprendedoras, axudándoos a navegar entre as tempestades e celebrando os seus acertos, porque o seu éxito será o de todos”, concluíu.

Galicia recibe o premio á "rexión emprendedora europea 2025"

Te puede interesar