Máis de 80.000 mozos galegos de menos de 21 anos poden ir de balde nos autobuses do plan de transporte metropolitano da comunidade. O éxito desta medida, que leva en marcha dende o pasado 2016, fixo que a Xunta extendese este ano a gratuidade do transporte público mediante a tarxeta Xente Nova.
Grazas a este bono, dende este ano os mozos xa poden usar en toda Galicia o dispositivo, que até o de agora era exclusivo das áreas de transporte metropolitano constituídas (áreas da Coruña, de Santiago, de Ferrol, de Lugo e de Vigo), na provincia de Ourense e en trece concellos da área de Pontevedra.
Desta maneira, agora todos os galegos de menos de 21 anos xa poden viaxar de balde nos autobuses metropolitanos de Galicia, desde calquera dos 313 concellos da comunidade a calquera outro municipio desta. Ademais, no caso da ría de Vigo a medida tamén beneficia os que van no barco e na área de Ferrol aos que utilizan o ferrocarril de vía estreita.
Neste momento, máis de 80.500 mozos menores de 21 anos –é para os que teñen entre 4 e 20 anos, porque os menores de catro xa viaxan gratis no transporte interurbano– xa van de balde nos autobuses interurbanos coa tarxeta Xente Nova. Ademais, cando o usuario cumpra os 21 anos aínda pode seguir usando a tarxeta ata que se esgote o seu saldo.
O pasado ano foi o de maior incremento no número de bonos expedidos dende a posta en marcha desta medida en 2016. Así, durante 2020 expedíronse un total de 21.000 novos dispositivos que incrementan ata os oito millóns o número de viaxes que se veñen realizando dende que se iniciou a campaña do transporte metropolitano galego, cun investimento por parte da Administración autonómica que se sitúa preto dos oito millóns de euros.
Por áreas
É a área da Coruña a que conta co maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 23.480. A seguir sitúanse a de Vigo, con case 17.610 tarxetas distribuídas; e a de Santiago, con preto de 12.350. Na área de Ferrol son máis de 9.750 rapaces os que dispoñen desta tarxeta, mentres que na de Pontevedra son preto de 5.480 e na de Ourense, máis de 2.900 mozos os beneficiados.
Os interesados poden adquirir estar tarxeta en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias galegas. Para empezar a empregala, indican dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidad, cómpre cargar o bono físico cun saldo inicial co que se pagarán as viaxes que, posteriormente, serán reintegradas no propio dispositivo. Ademais, coa tarxeta os mozos poden pagar a súa propia viaxe e tamén doutras personas que os acompañen, aínda que só se bonificará o transporte do usuario. Posteriormente, a Xunta reintegrará o importe abonado no autobús directamente na tarxeta. Para recibila basta con introducir a tarxeta en calquera caixeiro de Abanca e aceptar a recarga. Automaticamente cargarase no dispositivo o aboamento das viaxes realizadas. Deste xeito, as que se realicen na primeira quincena do mes estarán dispoñibles nos caixeiros de Abanca a partir do día 5 do mes seguinte, mentres que as bonificacións da segunda quincena poderanse recoller a partir do día 20 do mes seguinte.
Na páxina web www.bus.gal pódese consultar o listado de todas as sucursais de banca que están habilitadas para a expedición da tarxeta Xente Nova, así como os servizos de transporte existentes en cada concello, cos seus correspondentes horarios e rutas. A tarxeta permite realizar cada mes ata un total de 60 viaxes interurbanas gratuítas. Ademais, unha vez que se consuma o seu saldo, a súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade financeira. Ademais, dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade están a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade de ter á man un caixeiro físico.
A tarxeta Xente Nova é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos. Visto o seu éxito, posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano 2020, o Executivo autonómico activou este incentivo na provincia de Ourense e en trece concellos da área de Pontevedra.
O dispositivo, enmarcado no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e a mobilidade máis sustentable entre os máis novos.
A utilización desta tarxeta está a ter impacto nos petos das familias, pois, por exemplo, unha moza de Verín que estude na cidade de Ourense está a viaxar gratis todo o curso, fronte á situación anterior, na que debía aboar un prezo por viaxe de 4,55 euros, uns 200 euros ao mes. Así, actualmente esa moza beneficiaríase dun aforro de case 1.800 euros nos nove meses lectivos.