Miles de persoas desbordan o Obradoiro para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri

Ana Pontón, Lara Méndez, Martiño Noriega ou Xosé Manuel Beiras, entre as caras coñecidas da marcha
Miles de persoas desbordan o Obradoiro para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri
A praza santiaguesa, onte, ateigada de manifestantes | Álvaro Ballesteros (Ep)

Miles de persoas –40.000 segundo a estimación da Policía Local e 100.000 segundo a organización– encheron a compostelá praza do Obradoiro para “rexeitar radicalmente” o proxecto que Altri quere instalar en Palas de Rei (Lugo). 

 

Baixo o lema “A Xunta non pode calar todo un país. Altri Non”, a manifestación partiu da Alameda compostelá ao redor das 12.00 horas, pero unha hora despois do inicio, e cun Obradoiro cheo, había manifestantes saíndo do céntrico parque.


A cantidade de asistentes obrigou á organización para “baleirar e encher” varias veces o Obradoiro, así como a ler ata en dúas ocasións o manifesto. “É unha mobilización histórica á altura da que acolleu Compostela o 1 de decembro de 2002 polo ‘Prestige’”, aseguraron os organizadores. “A auga é nosa e non dá celulosa”, “Por unha terra viva, Altri Non”, “Altri retrocede ou pobo non che quere” ou “Galicia enteira rexeita esta pasteira” foron algúns dos lemas que coreaban os manifestantes.


“As nosas fillas van herdar unha ría produtiva, unha terra fértil, aire limpo e auga limpa, non é negociable”, aseverou a presidenta de Ulloa Viva, Marta Gontá, aos medios.


Así mesmo, o presidente de PDRA, Xaquín Rubido, fixo fincapé en que esta manifestación “vai marcar un antes e un despois” e destacou que a sociedade está a ver como nace un movemento social “á altura do ‘Nunca Máis’”.


“Queremos saber se a Xunta vai seguir dicindo que estamos a enganar á poboación, que non temos os datos, que somos catro persoas. Convidámolos a que se reúnan connosco e que comparemos datos”, esgrimiu Gontá.


Neste senso, Rubido incidiu en que a Xunta “non ten o consenso social para impulsar e impoñer a celulosa de Altri” e advertiu de que “impoñela é actuar contra o conxunto da sociedade galega”.

 

A contaminación


A mariscadora de Carril María Porto, a bateeira de Vilanova Marta Juncal, a bibliotecaria de Antas Teresa Batán e Ximena de Agolada, foron as encargadas de dar lectura ao manifesto nun escenario colocado debaixo do despacho da Xunta no Pazo de Raxoi.

 

 Subliñaron que “na Xunta estaban seguros de que tiñan todo ben atado”. Tamén se referiron ás “máis de 23.000 alegacións ao proxecto” e ao informe do Consello da Cultura Galega do pasado mes de setembro.


Ademais, alertaron de que “a contaminación de Altri no Ulla afecta á calidade da auga potable que beben 145.000 veciños” e advertiron de que esa contaminación en ríolle “chegaría en 24 horas á ría de Arousa”.

 

 “Altri é un proxecto contrario á creación de emprego digno, á sustentabilidade económica e social porque atenta contra todos os sectores económicos e produtivos do mar e do agro que xeramos a riqueza social”, reclamaron.

 

Escoitar á cidadanía


Foron varios os líderes políticos que se sumaron á protesta, entre eles, a líder do BNG, Ana Pontón, a viceportavoz do grupo socialista, Lara Méndez, o secretario xeral de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, o deputado de Sumar pola Coruña, Manuel Lago, o histórico líder nacionalista, Xosé Manuel Beiras ou o exrexidor de Compostela, Martiño Noriega, entre outros.


“Pedímoslle a Rueda que escoite á cidadanía e que pare esta agresión, esta bomba ambiental que é unha hipoteca para o futuro do noso país”, esgrimiu Pontón. Beiras tachou de “alucinante” que a Confederación de Empresarios de Galicia defenda o proxecto que “é a destrución” da comunidade. Méndez, incidiu en que o PSdeG “quere saber toda a información”, xa que “os datos difiren”.


Veciños, concellos e asociacións fretaron 40 autobuses para seguir e sumar nunha loita na que levan meses inmersos. Parece que o conseguiron. 

Miles de persoas desbordan o Obradoiro para amosar o seu rexeitamento ao proxecto de Altri

Te puede interesar