O PP lamentou que, “unha vez máis”, o Goberno que dirixe Pedro Sánchez “discrimine” a Galicia, após as declaracións do xefe do Executivo estatal no último cume hispano luso que pon de manifesto a intención de priorizar a conexión de AVE de Lisboa con Madrid no canto da de Oporto e Vigo.
Este sábado, os deputados autonómicos Julio García Comesaña, Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo; os deputados estatais Irene Garrido e Juan Bayón; acompañados dos senadores Pepa Pardo, Clara Arévalo e Pedro Puy; así como membros da corporación municipal, manifestaron a súa repulsa e rexeitamento contra esta decisión do Goberno central, que “deixa nun segundo plano” a Galicia e solicitaron “unha rectificación” inmediata.
De feito, entre outras medidas, o PP de Vigo rexistrou unha moción de urxencia para que o pleno municipal inste a Sánchez a rectificar e dar prioridade á AVE a Oporto.
“Non temos nada en contra das conexións de AVE con outros territorios, pero non en detrimento de Galicia. O Executivo central non deixa de actuar contra Galicia no ámbito ferroviario”, indicou García Comesaña, en nome dos populares, que se reuniron diante da estación de Urzáiz para manifestarse sobre esta decisión.
Os populares recalcaron que Galicia leva moito tempo reclamando un calendario con planificación e orzamentos e traballando en coordinación co Goberno portugués na saída sur de Vigo, e consideran que, no estado actual de tramitación, as obras non estarían acabadas, “como pouco, até finais de 2034”, prazo “incompatible” coa promesa de que a conexión sexa unha realidade en 2032.
Comesaña salientou que existe “un amplo consenso” á hora de considerar que o tren de alta velocidade entre Galicia e o Norte de Portugal é unha infraestrutura “prioritaria e de vital importancia” para mellorar a mobilidade dos cidadáns a ambos os dous lados da fronteira.
Tamén en que, para facelo realidade, os populares sosteñen que é “imprescindible” intensificar o compromiso coa posta en marcha desta infraestrutura con “unha mellor planificación, orzamentos e co establecemento de prazos realistas e concretos”.
O deputado popular remarcou que, baixo esta premisa, na comunidade déronse varios pasos da man co Norte de Portugal e, ademais, o 9 de outubro, foi aprobada no Parlamento de Galicia unha iniciativa do grupo popular na que se instaba a que a Xunta se dirixa ao Goberno central para que intensifique o compromiso coa posta en marcha do AVE entre Galicia e Portugal.
Para iso, insisten os populares, resulta “imprescindible e urxente” un calendario coas actuacións e investimentos precisos para facelo realidade “no prazo máis breve posible e, en particular, unha reserva orzamentaria suficiente para acometer o saída sur de Vigo; e avanzar no tramo que vai entre O Porriño e a fronteira portuguesa”.
Este compromiso pedíaselle ao Goberno central no cume co portugués do 23 de outubro. “Nese cume, o Goberno de España fixo oídos xordos a esta petición e deu prioridade á liña Madrid-Lisboa, ao contrario que fixo o Goberno portugués”, lamentou.