O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo en valor onte o “compromiso” da sociedade tras realizarse en Galicia 171 trasplantes renais no que vai de ano, dos cales, 122 levaron a cabo no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) e 49 no de Santiago.
Tal como dixo na inauguración das VI Xornadas de persoas con enfermidade renal en Galicia, deste total de operacións, 18 foron dun doante vivo: doce no Chuac e seis en Santiago. Ao seu xuízo, isto amosa que Galicia dispón dun sistema sanitario “forte” e unha sociedade “comprometida”, segundo recolliu a Xunta nun comunicado.
As xornadas estiveron organizadas pola Asociación para a Loita Contra as Enfermidades do Riñon (Alcer), nas que tamén estivo presente o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey.
Do mesmo xeito, Gómez Caamaño subliñou que un dos retos que a sanidade galega se propón é que o tratamento por diálise sexa cada vez máis accesible para os enfermos renais, e aumentar o número de pacientes atendidos por este método, polo menos un 10% respecto ao ano pasado, no que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) ofreceu diálise domiciliaria e diálise peritoneal a 321 pacientes.
Para fortalecer a súa mensaxe, o conselleiro quixo destacar que a sanidade pública de Galicia foi elixida o ano pasado para participar no desenvolvemento da iniciativa pioneira GaliON, que busca transformar a forma de abordar a enfermidade renal crónica. Este modelo será probado no centro de saúde de Mariñamansa, en Ourense.