Na Coruña, en días como estes hai corenta anos, pasaban cousas históricas. Desenvolvíase a campaña electoral das eleccións municipais que auparían ao poder a Francisco Vázquez, que obtivo unha maioría absoluta que repetiría ata que en 2006 foi trasladado ao Vaticano, a tempo de non perdela. Foron 23 anos en María Pita, que -con luces e sombras, como todo- supuxeron unha transformación radical da cidade, a maior na súa historia, que ningún outro partido puido emendar nin xestionar con éxito electoral e que, desde as mesmas filas socialistas, Javier Losada primeiro e, sobre todo, Inés Rey despois, matizaron ou adaptaron aos seus tempos, pero sen renunciar ás liñas mestras de inspiración municipalista e socialdemócrata.
Pero non imos falar de actualidade, que xa a teñen no resto de páxinas deste xornal, senón do que ocorría hai catro décadas. Os coruñeses elixían alcalde -non había candidata a alcaldesa e 40 anos despois só temos unha: Inés Rey- tras un mandato axitado, no que o inicialmente elixido, Domingos Merino de Unidade Galega, dimitira e o seu sucesor, López Mendéndez da UCD, fora expulsado do seu partido. Con todo, a política local seguía dominada polos acontecementos do ano anterior, cando o Parlamento galego decidiu concentrar a autonomía en Compostela, en contra da capitalidade que defendía A Coruña. A revolta popular contra aquela decisión, na que destacou o PSOE, foi sen dúbida o propulsor da vitoria electoral de Vázquez. Pero, de onde saíron os votos que o fixeron alcalde? Ollo ao dato, que relata unha historia distinta á que moitos contaron, especialmente desde o ámbito nacionalista.
Respecto aos comicios de 1979, o Partido Socialista obtivo 25.000 votos máis. E saben cantos se lles escaparon en conxunto as forzas que non defenderon as aspiracións capitalinas da Coruña e alimentaron o centralismo santiagués? Pois o Partido Comunista, o BNG, o PSG e Esquerda Galega perderon 22.000 votos, quedando todos sen representantes na Corporación. É máis, ningún destes partidos volvería á María Pita en década e media. Un erro maiúsculo que algúns aínda arrastran.
Polo tanto, os datos avalan unha verdade incuestionable: a reivindicación por abaixo da capitalidade coruñesa tivo moito motor galeguista e de esquerdas, esas 22.000 persoas que cambiaron o seu voto desde o nacionalismo ou os comunistas cara Vázquez así o demostran. Non foi aquilo unha absoluta mobilización de extremistas anti-galegos, como contan por aí.
Tamén foi unha mágoa que o propio Francisco Vázquez non vira ese dato e fixera dunha especie de anti-galeguismo, xunto a varios excesos urbanísticos, os principais erros do seu longo mandato, ao que lle sobraron filias e fobias pero que, sendo obxectivos, supuxo no seu tempo un crecemento histórico para A Coruña. Ese que na actualidade outras continúan, con coruñesismo, si, pero tamén galeguismo, agora si.