De adverbios intencionados

A Lingua esta composta de memorias. É o sumatorio de afectos e de herdanzas que veñen de séculos, de loitas e de vidas. Falamos como nos aprenderon; como fomos descubrindo e rematamos sendo o resultado dun proceso de asimilación, imitación e propia convicción. As linguas sempre foron inocentes. Calquera recurso ou ferramenta que sirva para comunicar, relacionar e compartir, son sempre armas cargadas de esperanza e futuro. Pero tampouco nas linguas é todo liso e recto como ata Pontevedra. E nós, ademais de valores, somos posuidores de manías estrañas. Recoñezo que, en certos contextos, non podo co adverbio “tamén”. Que lle teño un chisco de manía ou moita desconfianza. Escoiteille a Antonio Gala nunha oportunidade, comentar cousas similares referidas a este adverbio e iso, recoñézoo, reconcilioume co mundo. É un adverbio que sempre ten que facerse notar. E en si mesmo, contén trazas evidentes de discriminación cando describe unha acción . Ou cando menos, evidencia quen é (e pola contra quen non é) a opción principal. E así podes acabar sendo un engadido que se fai a unha elección considerada prioritaria. Un exemplo clásico sería aquel de quedei a comer con fulanito e estou pensando, que ao mellor ti tamén podes vir ou ti tamén podes sumarte. Gala contaba aquelo de que aos seus irmáns sempre os gababan por guapos, altos e de ollos azuis, e ao chegar a el, baixo e moreno, dicían o clásico “ben, este tamén é guapo”. Podería deberse a inseguridades atávicas, temor a quedarse atrás ou ás expectativas defraudadas. Pero acaso sexa mais pola crueldade de sentirse segunda opción, de ser un mero convidado a algo xa acordado entre outros. Descúlpenme que insista. Ademais é sabido que as intencionalidades, son inversamente proporcionais ás inocencias.


Pensarte é unha bóveda ampla de sentidos -dixo El- unha maraxe de estacións transitadas. Acaso unha febre de fío e desmesura... 

De adverbios intencionados

Te puede interesar