As mestras de nós

Cando se volve a vista atrás, e se mira e se recorda a paisaxe completa da Galicia dos anos sesenta, setenta e principios dos oitenta do século pasado, é como o regreso á Idade Media, como se alguén contara un conto incríbel, enmarcado nas incríbeis historias doutros tempos e doutros mundos distantes, como se fose un conto, unha historia de ficción, o cantar do merlo ou o sobrevoar da andoriñas, que pasan a súa vida reconstruíndo o niño, namorando e voando.


Aqueles mundos do rural de Galicia, onde se comían castañas asadas, pilongas e fregadas, pan de broa ou patacas arregladas, efectivamente, eran distintos. Os nenos e nenas traballaban cos seu pais na terra e araban con aquel arado de pau, arrastrado por unha xugada de vacas pardas ou marelas e cun home agarrado á rabela.


Correndo para a escola, onde agardaba a mestra; saltando polas pedras do camiño ou polos valados de terra e terróns, para chegar enxoitos, aprender e volver chamar as vacas ou gardalas no arredor da leira, na esquina do agro, no prado da herba de gadañar ou naquela serra con carballos na ladeira.


As escolas eran novas e as mestras todas eran novas, vocacionais e alentadoras mulleres que comezaban a súa profesión como docentes nas zonas rurais de Galicia. Elas foron a guía e o faro que alumeou, de noite e de día, o futuro daquela xente, xente de nós. Elas, aquelas, prezados lectores, foron mestras, orientadoras, conselleiras, psicólogas, profesoras sabias. Bonhomía en estado puro de atención a quen precisaba a súa referencia.


Con aquelas mestras, Galicia enteira ten unha débeda. Eran vocacionais, estaban preparadas e sabían que a formación era indispensable para andar pola vida. Eran sacrificadas e loitadoras. Eran elas, ás que tanto lles debemos e tanto lles queremos. Ás mestras daqueles tempos, as garbosas amigas que atravesaron e incidiron nas nosas vidas con moita dignidade.


Elas, aquelas mestras rurais, foron chegando a cada aldea, a cada unitaria, á casa que as acollía e alí vivían como podían. Eran tempos que quedan para o recordo, situacións que se manteñen na arca das vivencias ou das lembranzas. Eran ou foron etapas que se proxectan no imaxinario e que todas as persoas que as viviron queren (queremos) mantelas vivas, independentemente do seu gran custo.


A Tía Manuela ofértalles respecto, torrentes de afecto, agarimo e cariño a todas elas. Todas traballadoras con xenerosidade e bo facer. Amigas, dilixentes lectoras, colaboradoras, magníficas divulgadoras, mestras de nós e dos nosos. Felicidades!

As mestras de nós

Te puede interesar