Ben feito. Si, señor

O Concello de Lugo acordou nomear Fillo Adoptivo da cidade ao intelectual Xesús Alonso Montero e outorgarlle a mesma distinción ao médico que fora represaliado, Rafel de Vega Barrera (Zazuar, Burgos 1889 - Lugo 1936). Ben feito! Parabéns!


Aqueles mozos, de finais da década dos sesenta e dos setenta do século pasado, que despois da Escola Unitaria seguiron a súa formación no Instituto Masculino de Lugo, están marcados polas ensinanzas de Don Xesús Alonso Montero, un brillante mestre que daba leccións de todo, que ensinaba o que non traían os libros, que escoitaba aos estudantes e que falaba con eles para axudarlles na súa preparación para encamiñar o futuro pola senda do coñecemento, da igualdade, da solidariedade, dos dereitos socias e da xustiza. Xustiza para os homes e para as mulleres, para o pobo.


Era e segue sendo un home da esquerda, un intelectual comprometido cos máis vulnerables, cos débiles, cos aldeáns que se achegaban ao Instituto da cidade coas mans no peto baldeiro ou roto, con aqueles que tiñan, como o único ben prezado, a esperanza súa e a dos seus pais.


Ensinoulles a aquelas quendas de rapaces a importancia de aprender e de saber. Cada día, antes, despois e durante a clase, mantiña co alumnado relacións de amizade e de confianza, como auténtico mestre sabio e home honrado. Grazas, profesor! Quizais por iso foi desterrado e, polo sistema, mal tratado.


Aos poucos días de que o Pleno Municipal de Lugo tomara a decisión de nomealo Fillo Adoptivo, a alcaldesa Paula Alvarellos Fondo, cando estaba en directo na apertura das festas do carnaval, sofre unha doenza mortal e morre. Morre no Hospital Universitario de A Coruña. Foise, seica, “como un paxariño”, en silencio, caladiña e deixando unha tristeza enorme en tódalas familias políticas e nos corazóns da xente de ben.


Ela, natural de Ponteceso, cando remate o entroido, debería ser incluída, como primeira muller, na listaxe das persoas homenaxeadas co mesmo título, igual que De Vega e que o profesor Alonso, igual que outros anteriores, como Felipe Juan Froilán, o poeta chairego, Manuel María Fernández Teijeiro, e o bispo, Frei Xosé Gómez. Sería unha mensaxe formidable para os escépticos. Como afirma a Tía Manuela, “sería de xustiza”. “Si, señor!”, diría, se vivira, don Anxel Fole.

Ben feito. Si, señor

Te puede interesar